Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Boqueixón ten un candidato a Árbore do Ano en España

O Concello presentou ao Carballo de Gregorio como aspirante a este título no certame de 2023 // Tería arredor de 110 anos

O Carballo de Gregorio aspira a converterse na Árbore de España 2023. O Concello de Boqueixón presentou a candidatura desta árbore centenaria que preside a veiga de Sergude, no lugar de Rodiño Grande. Unha candidatura que foi aceptada pola organización Bosques sin Fronteras, que convoca este certame para poñer en valor árbores que, por diferentes características, son merecedoras de recoñecemento e de respecto social.

O alcalde, Manuel Fernández Munín, fai un chamamento á mobilización “non só da veciñanza de Boqueixón senón de todas as persoas que amamos a natureza a prol do Carballo de Gregorio, unha auténtica reliquia botánica vencellada tanto á capela de San Bieito de Sergude como ao Pico Sacro e toda a súa mitoloxía e lendas relacionadas co mito Xacobeo. Non en van, tanto peregrinos como camiñantes sempre se acolleron baixo a súa sombra e continúan facéndoo”, indica.

Este exemplar conta cunha altura de 25,5 metros e un tronco cun perímetro de 4,27 metros. Descoñécese con exactitude a data da súa orixe, se ben se calcula que ten arredor de 110 anos. Ata o vindeiro 10 de decembro estará aberta a votación en www.arbolybosquedelaño.es. Para apostar polo Carballo de Gregorio é preciso entrar no apartado Votar, onde haberá que marcar a opción da árbore de Boqueixón, elixir tamén un dos dous bosques aspirantes e aceptar as bases do concurso. Así mesmo, haberá que achegar un e-mail válido, pois a ese correo chegará unha mensaxe do Concurso Árbol y Bosque del Año onde haberá que entrar e facer click para confirmar o voto. Só se admitirá un voto por conta de correo e cinco votacións por dirección IP do ordenador. Bosques sin Fronteras dará a coñecer a árbore gañadora o vindeiro 20 de decembro.

15 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.