Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Zas. As últimas escavacións confirman a existencia dun asentamento relevante no ámbito provincial // O equipo de arqueólogos coordinado por Lino Gorgoso sacou á luz as estruturas da que podería ser unha domus ou unha mansio TEXTO J. M. Ramos

Brandomil reivindícase como un importante referente do legado romano

A Fundación Brandomil segue afondando no coñecemento do pasado da parroquia zaense que lle dá nome e, a medida que avanzan as escavacións na finca Pedra do Altar, cada vez son máis as testemuñas que confirman que este pobo foi no século I un importante asentamento romano, e que a súa ocupación, de forma estable ou temporal, alongouse no tempo ata o século V, segundo sinala o arqueólogo Lino Gorgoso, responsable e coordinador dos traballos que se están levando a cabo.

O seu equipo leva xa varios anos realizando labores arqueolóxicas en Brandomil, da man da referida fundación e co apoio do Concello de Zas. Primeiro sacaron á luz o pavimento dunha calzada romana e, posteriormente, froito de novas sondaxes e estudos de xeorradar, puideron confirmar que, moi preto da citada vía, atopábanse os restos dunha importante estrutura, parte dos cales fixeron aflorar na campaña actual, que aínda está en marcha.

Trátase dunha gran estrutura que, a falta de confirmación polos estudos que están a desenvolver, semella ser unha domus (casa) ou ben unha mansio romana (posto de parada ou hospedaxe). “Estamos sorprendidos polo bo estado de conservación das estruturas, e tamén polo gran número de tellados de tégula decorada, pois nunca vimos xacementos con tanta cantidade”, afirma ao respecto Lino Gorgoso.

Igualmente, localizaron uns restos dunha columna e numerosos fragmentos de cerámica de terra sigilata, así como niveis queimados “que non sabemos se foi debido a que ardeu a estrutura ou a que se fixeron grandes lumes”, explica.

Todo apunta, engade, a que foron instalacións reocupadas en varios momentos. Así, Gorgoso sinala que o asentamento tivo unha ocupación intensa, “especialmente no século I, pero tamén nos séculos III e IV, e incluso no V”, tal e como reflexan as testemuñas arqueolóxicas atopadas nos distintos niveis do xacemento.

Gorgoso destaca asemade que “hai restos romanos nunha superficie moi ampla, que abarca entre doce e catorce hectáreas”.

Nos vindeiros días os traballos centraranse na consolidación das estruturas descubertas, xa que o obxectivo é deixalas á vista para que o xacemento sexa, a partir de agora, visitable. Con tal fin incorporaranse ao equipo de arqueólogos varios restauradores especializados neste tipo de traballos de consolidación. Unhas actuacións que foron impulsadas pola Fundación Brandomil, que é propietaria ademais da finca na que se están realizando as escavacións, e que contan co respaldo económico do Concello de Zas que, a través dun convenio asinado ca referida entidade, aportou 30.000 € para o desenvolvemento da actual campaña arqueolóxica.

Un dos obxectivos, de cara ao futuro é tentar conectar os dous espazos descubertos, a calzada e as estruturas escavadas agora, e seguir sacando á luz o que, segundo Lino Gorgoso, “é un xacemento que está á altura dos máis importantes da provincia”. A estrutura localizada “é tan grande que os seus muros sobrepasan á area da finca na que estamos a escavar”, engade.

Os primeiros pasos para facer aflorar o pasado romano de Brandomil déronse no ano 2007, cunha pequena intervención arqueolóxica, pero foi a Fundación Brandomil a que impulsou e financiou as sondaxes e o estudos de xeorradar que permitiron sacar á luz este importante xacemento que, pouco a pouco, se está a converter nun dos importantes reclamos turísticos de Zas. De feito, “no verán xa tivemos moitas visitas e agora xa vén xente ex profexo para coñecer este asentamento”, conclúe o arqueólogo.

19 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.