Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Brandomil segue á busca de vestixios arqueolóxicos que den luz á súa historia

Especialistas da Universidade de Vigo sondean con xeorradar varias fincas // En agosto xa localizaron unha vía empedrada

As labores na búsqueda de novas testemuñas arqueolóxicas que permitan afondar na historia de Brandomil (Zas) continúan. Durante as xornadas do martes e mércores, persoal do Departamento de Enxeñería de Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo estarán sondeando unhas fincas agrícolas propiedade da Fundación Brandomil e outras de propiedade privada.

A actuación consiste nunha prospección xeofísica dunha ampla zona por medio de dúas técnicas xeofísicas diferenciadas e complementarias: unha pasiva (prospección magnética) e outra activa (por medición dun xeorradar), co obxecto de descubrir posibles vestixios de estruturas que ata o momento non son coñecidas.

A intención desta intervención “é descubrir novos datos sobre o importante xacemento arqueolóxico de Brandomil grazas a prospección de parte do subsolo, empregando para elo avanzadas técnicas de recoñecemento”, afirman os directivos da fundación.

Os traballos estanse levando a cabo gracias a un acordo de colaboración entre as fundacións Brandomil e L. Monteagudo, e veñen a complementar as labores desenvolvidas no mes de agosto, consistentes nunha prospección arqueolóxica.

Baixo a dirección de Lino Gorgoso, seis arqueólogos de Adro Arqueolóxica fixeron unhas catas evaluatorias na paraxe coñecida como Pedra do Altar. Concretamente foron cinco as sondaxes realizadas sobre o vello camiño a Limideiro e no de Padreiro.

Froito desas prospeccións poideron localizar os restos dunha vía empedrada cun pavimento tipo glarea, así como abondosos derrubos de tegula romana e cerámica datada dos séculos I ao II d. C. Neste caso, os traballos foron parcialmente financiados pola Deputación da Coruña e o GDR Costa da Morte.

Con estas actuacións, a Fundación Brandomil pretende seguir investigando e afondando no pasado desta parroquia de Zas “sempre tendo presente a idea de poñer ese pasado ó servizo do futuro deste núcleo”. Hai que lembrar que esta entidade tamén levou a cabo nos últimos anos unha profunda investigación sobre o trazado xacobeo do Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil.

21 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.