Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Brión fai protagonistas ás persoas con discapacidade

Arrancou a quinta edición desta iniciativa que traerá á vila ata o día 13 de novembro a unha quincena de artistas e compañías

A quinta edición do Festival Brión Inclúe achegará ata o 13 deste mes unha variada programación que traerá ata a vila a unha quincena de artistas e compañías. Trátase dunha proposta pensada dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade, que serán as protagonistas como creadoras e consumidoras de cultura.

O programa arrancou cunha exposición de pintura da Asociación Saúde Mental A Mariña, que poderá visitarse no centro social polivalente de Brión ata o vindeiro 13 de novembro. O venres Pakolas volveu ao municipio co seu espectáculo musical Rockeando con Ramona Órbita. E o sábado 5, ás 20.00 horas, houbo unha dobre sesión teatral con Al Lío, e a súa obra Nós todas; e Vuelta y Media, co espectáculo Veciños.

Como en anos anteriores, o Festival Brión Inclúe reserva tamén actividades dirixidas ao alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión para introducilos na cultura inclusiva. Nesta ocasión, o alumnado de 1º de Primaria do CEIP de Pedrouzos participará no espectáculo de narración oral O agasallo da lúa, que Raquel Queizás porá en escena o luns 7 de novembro, ás 11.00 horas. O mércores 9 de será a quenda para o alumnado de 2º da ESO do IES de Brión, que asistirán á posta en escena de (Algunhas) Cousas de Castelao, da man de Artefeito Producións e da Asociación AVANTE.

O venres 11 de novembro Circo Chosco presentará Forzu2, un espectáculo dirixido a colectivos de persoas con diversidade funcional, do que haberá dous pases: ás 11.00 e ás 13.00 horas. Ese mesmo día, ás 18.00 horas, poderá verse o contacontos A maleta, de ContAZ. O sábado 12 de novembro, ás 20.00 horas, toca nova sesión teatral coa Fundación DISA Canarias e o espectáculo Barbarroja. Finalmente, o domingo 13, ás 12.00 horas, haberá unha gran actuación musical de peche de festival, presentada por Adriana Bugallo, na que participarán De Tapas, Ana Fernández e DJ Rey.

Fran Rei, coordinador do Festival Brión Inclúe, destacou como “tras cinco edicións, podemos falar xa do Brión Inclúe como un evento completamente asentado na programación cultural da vila”. Subliñou a calidade da programación “que atrae tanto propostas galegas como de todo o Estado, dando cabida nesta proposta a disciplinas como a pintura, a danza, a música ou o teatro”.

O alcalde, Pablo Lago, felicitou tanto ao equipo de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega como ao departamento de Cultura de Brión polo programa deste ano. “Comezamos no 2018 cunha meritoria programación de tres días e desde entón non deixamos de medrar”, lembrou. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, puxo en valor a participación do alumnado do colexio e do instituto de Brión.

Entre os artistas, asociacións e compañías participantes están a Asociación Saúde Mental A Mariña, Pakolas, Al Lío, Vuelta y Media, Raquel Queizás, Artefeito Producións, Asociación AVANTE, Circo Chosco, ContAZ, Fundación DISA, De Tapas, Ana Fernández, DJ REY e Adriana Bugallo.

06 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.