Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Brión vólcase no firme de tres urbanizacións e sete estradas

O Concello investiu neste proxecto máis de 750.000 euros // Xa remataron os traballos en Monte Devesa e Agronovo

O Concello de Brión está a mellorar con aglomerado en quente o firme actual do interior de tres urbanizacións e doutros sete camiños de titularidade municipal, un proxecto no que inviste 752.119,96 euros e que está a ser acometido pola empresa Construcións Ponciano Nieto. O alcalde da localidade, Pablo Lago Sanmartín, explica que “xa temos rematadas as obras nas urbanizacións Monte Devesa e Agronovo e a finais desta semana finalizaremos os traballos en Monte Balado para acto seguido mellorar con aglomerado en quente o firme de sete camiños nas parroquias”.

Os traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, comezaron polas urbanizacións Monte Devesa e Agro Novo, que xa están rematadas. O pasado martes iniciáronse as obras de pavimentación na urbanización Monte Balado, que estarán finalizadas esta mesma semana, segundo explican fontes municipais. Tras aglomerar en quente unha superficie de máis de 25.000 metros cadrados, o Concello de Brión acometerá a mellora dun total de doce quilómetros en sete pistas municipais.

As estradas a arranxar son o camiño de Amañecida ata Graña (3,5 km), nas parroquias de Luaña e Cornanda; o camiño da estrada xeral en Gundín ata Saíme, pasando por Cabanas e Gontade (1,7 km), nas parroquias dos Ánxeles e Bastavales. Tamén o camiño da travesía de Liñares-Casal ata Tembra-Cantelar (1,5 km), nas parroquias de Brión e Boullón; a estrada AC-300 ao Santo Arandel e o límite con Teo (1,7 km), parroquia de Bastavales. Asimesmo arranxarase o camiño da estrada xeral ata o cruce da estrada da Deputación (2,1 km), parroquia de Bastavales, e o de Valiño a Saíme (1,17 km), parroquia de Bastavales. Finalmente actuarase no camiño da AC-300 ata os accesos a Guisande, parroquia dos Ánxeles.

Nos sete casos contémplase a reparación de fochancas e mellora do firme dos camiños cunha nova capa de rodadura de 5 centímetros de aglomerado en quente, así como a limpeza de gabias, recuperación da sección hidráulica en todo o camiño, o repintado de marcas viarias correspondentes e a posta a cota de tapas de pozos, arquetas, reixas e sumidoiros.

A maiores, na mellora da estrada entre Gundín e Saíme está previsto o ancheamento en medio metro a cada lado da estrada nun tramo de 1.380 metros, así como a mellora do trazado dunha curva perigosa, para o que será necesario facer un muro de pedras de granito de 40 metros de longo para conter esta ampliación.

Unha vez quede listo o firme das urbanización de Monte Balado, previsiblemente o venres, as estradas municipais serán o seguinte obxectivo do goberno local.

15 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.