Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Arranca a Mostra en Malpica de Bergantiños, cita que se estenderá ata o domingo día 7 // A Xunta destacou o papel da artesanía como parte do atractivo turístico de Galicia // Haberá obradoiros, actuacións musicais e teatro TEXTO Claudina Estévez

Buño convértese un ano máis no centro da olería de tradición

Este xoves inaugurouse en Malpica de Bergantiños a 38 edición da Mostra da Olería de Buño, unha das feiras monográficas con maior traxectoria en Galicia, que se estenderá ata o domingo. Ao acto acudiron o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Na súa intervención, Heredia quixo recalcar a importancia de Buño como centro da olería tradicional que continúa en activo e se está a introducir en mercados de todo o mundo e en novos ámbitos, como o da gastronomía.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia indicou que grazas a esta cita e ás numerosas actividades que teñen lugar durante os días da súa celebración, os participantes poden descubrir unha das manifestacións artesás máis arraigadas en Galicia: a da olería. “A nosa artesanía enxálzase de xeito que se posibilita a conservación das tradicións, o que permite enriquecer a experiencia turística dos visitantes”, manifestou Nava Castro. Entre os artesáns que participan nesta 38 edición da Mostra atópanse oleiros de Buño que forman parte da marca Artesanía de Galicia, como Obradoiro Cambón, Alfarería Rulo, Cerámica Creare, Alfarería O Falsete, Alfarería Feituras e Obradoiro Gorín.

Na programación do evento, organizado polo Concello de Malpica de Bergantiños, a asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, inclúense demostracións de olería, obradoiros para nenos e nenas, actuacións musicais e obradoiros de baile, fútbol e teatro, así como as presentacións dos libros titulados Cancioneiro de Buño e Buño de seu.

Na presentación tamén estiveron o deputado de Promoción Económica, Blas García, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga. García lembrou que a institución provincial mantén “unha firme aposta pola promoción de Buño” e destacou que ese apoio traduciuse nunha achega de 80.000 euros que contribúe á organización desta mostra de referencia para Galicia. Tamén, na adquisición e recuperación do conxunto etnográfico Ecomuseo Forno do Forte, ou na rehabilitación do Forno da Costa, que pasou a formar parte do patrimonio recuperado e visitable da olería.

“Hoxe, os protagonistas son os profesionais que se dedican a diario a crear esas pezas únicas. Temos que seguir mantendo este valor e esta marca oleira por encima de todo. Temos que traballar conxuntamente todos, Deputación, Concello e Xunta, para que esta mostra siga a ter un gran futuro que será beneficioso para todos. A Deputación seguirá estando aí, como sempre, xa que Buño xa non é un referente na provincia, senón en Galicia e en toda España”, sinalou o deputado.

A cita ampliou os seus obxectivos e consolidouse como unha gran festa tradicional. Este primeiro día inaugurouse a exposición de carteis A mostra no tempo. Houbo tamén obradoiros de decoración de pezas, pasarrúas e contacontos que amenizaron a tarde. Este venres 5 de agosto abriranse as casetas dende as 11.00 ata as 21.00 horas cun pequeno receso dende as 14.00 ata as 17.00. Seguirán as demostracións no torno na Praza de Santa Xusta ás 13.00 e ás 19.00 horas. Obradoiros de decoración de pezas, pasarrúas, charanga e un obradoiro infantil conformarán esta nova tarde que, ademais, contará coa presentación do libro Buño de seu, da autora María Barca. O día rematará coa actuación musical de Tres soles del Paraguay con Sito Sedes. O día nomeado como Báilalle a roda será o sábado 6, un dos máis completos do programa. O domingo, última xornada, haberá torneo de fútbol feminino e espectáculo teatral-musical.

05 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.