Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Mostra dedícase este ano á figura da muller dentro do oficio cazoleiro // Ademais das demostracións en vivo haberá ata o domingo exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego TEXTO Víctor Furelos

Buño vístese de festa para amosar a súa olería ó mundo

Xa está oficialmente en marcha a XXXVII edición da Mostra de Olería de Buño, que comezou onte e remata este domingo. Este xoves tivo lugar o acto de inauguración do evento, que este ano se dedica á figura da muller dentro do oficio oleiro.

No acto de presentación participaron o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón; a concelleira de Olería, Leticia Naya Varela; o presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín; a secretaria da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Patricia Rodríguez Franco; e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas López.

Fran Gorín foi o encargado de introducir a todas as personalidades presentes no acto inaugural. O presidente de Olería de Buño, que rexenta o Obradoiro Gorín, agradeceu “todo o esforzo das entidades e persoas implicadas por sacar adiante esta edición da Mostra a pesar de todas as dificultades sanitarias”.

Pola súa banda, a concelleira da Mostra, Leticia Naya, fixo extensible este recoñecemento “a todo o tecido asociativo do municipio por facilitar e colaborar á hora de confeccionar a programación deste ano”. Cómpre destacar que durante os vindeiros días haberá, ademais das clásicas demostracións en vivo do oficio con varias sesións diarias, diversas exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego.

Neste sentido, Patricia Rodríguez Franco explicou durante a súa intervención que se trataba “dun ano moi emotivo para retomar a celebración da Mostra logo das complicacións xurdidas a raíz da situación sanitaria”. Así, agarda que nesta edición “a localidade de Buño siga a demostrarlle ao resto do mundo as súas potencialidades como referente artesán galego e peninsular”.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, pechou o ciclo de agradecementos destacando “a memoria viva coa tradición oleira que mantén Buño trinta e sete anos despois da primeira edición da Mostra”. “O Concello segue e seguirá traballando man a man coa Olería de Buño para avivar a chama desta celebración de todas e todos os malpicáns”, concluíu o rexedor no seu discurso.

Despois das intervencións, o grupo de autoridades realizou unha visita polos postos instalados no percorrido da Mostra da Olería logo da actuación gaiteira da Asociación Cultural Malante. Pouco despois comezaría a primeira demostración de olería ao torno da xornada na Praza de Santa Xusta, que se habería repetir pola tardiña.

Tamén pola tarde, a Asociación Visibles inaugurou a exposición Sen elas non hai olería, pouco antes de que Malante puxera de novo banda sonora ás últimas horas do día cunha actuación polas rúas de Buño. O mago Álex Louzao pechou este primeiro día da Mostra cun espectáculo apto para todos os públicos.

Os responsables dos diferentes actos da Mostra da Olería lembran que todos os eventos están condicionados á normativa sanitaria vixente, que é de cumprimento obrigatorio. A organización do evento, na que se inclúen o Concello de Malpica, a Asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, traballa conxuntamente co obxectivo de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio do coronavirus.

a protagonista
“Trátase de manter viva a esencia dun pobo”
María Rivas López
Subdelegada do Goberno na provincia da Coruña

A subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas López, dedicou a súa intervención a poñer en valor “o corazón e o cerebro co que traballan as decenas de oleiros e oleiras que seguen a manter vivo o oficio en Buño”. “Esta é unha oportunidade excepcional para amosar a universalidade de Galicia e o excepcional do noso patrimonio cultural”, engadiu. María Rivas considera a Mostra como moito máis que unha mera oportunidade comercial ou expositiva xa que, ó seu xuízo, “trátase dunha oportunidade de manter viva a esencia dun pobo, de Buño e Malpica, de manter vivo un oficio tradicional, de defender a herdanza dun pasado que segue tratando de garantir o presente e futuro de centos de persoas e da actividade económica deste pobo”. Por iso, indicou que o Concello de Malpica e a Asociación de Olería poden contar coa Subdelegación e coa Delegación do Goberno para conseguir un recoñecemento máis que merecido e que faría xustiza ao traballo e esforzo desenvoltos durante tantos anos. Neste sentido, sostivo que os representantes das administracións públicas teñen unha responsabilidade coa obra e co traballo de todas aquelas persoas que axudaron a construír o país, “e, sen dúbida, os oleiros e oleiras son algunhas desas persoas; foron e son parte importante na que se sustenta a nosa memoria, a esencia de Galicia

feita arte”, sinalou María Rivas.

{ cousas do demo }
Artesanía que non ten prezo
Víctor Furelos

galicia pode presumir de moitas tradicións. E algunhas delas están ligadas á artesanía. É o caso da olería de Buño. Haberá poucas casas que non teñan na súa cociña algunha tarteira de barro cocida nos fornos dos talleres da localidade malpicá ou algunha peza conmemorativa dalgunha festa. A Mostra axudou a difundir e modernizar un oficio recuperado que, ademais de supoñer unha importante actividade económica, axuda a fixar poboación moza. Pero o máis importante é que co paso de tempo afiánzase a identidade do pobo. Dicir Buño é dicir olería de calidade, con selo propio, feita a man. Dicir Buño é dicir artesanía. E aínda que as súas pezas son aptas para todos os petos, non hai cartos para pagar o que fan os seus oleiros.

13 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.