Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Buscan que o castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín sexan uns enclaves turísticos nacionais

A Deputación apoia ó Concello na protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor do patrimonio

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron este martes na sede provincial o convenio de cooperación para a xestión da atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades no Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín durante 2022. A Deputación consignará nos seus orzamentos unha partida de 120.000 €, dos que 105.000 € se destinarán ao Castelo e os outros 15.000 €, aos Batáns.

“A Deputación leva realizado ao longo dos anos numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor do Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín, e con esta nova achega seguiremos avanzando para converter eses dous referentes do noso patrimonio e as súas contornas naturais nun enclave turístico nacional”, sinalou Regueira.

O vicepresidente salientou o traballo e cooperación entre a Deputación e o Concello vimiancés, “que leva colaborando con nós nun modelo novo de xestión do patrimonio cultural no cal se interrelacionan os aspectos puramente materiais, como os edificios e as montaxes expositivas”.

“Neste sentido, o obxetivo último foi facer do espectador un actor activo, sensibilizando ao mesmo tempo sobre as posibilidades da cultura megalítica como recurso e reclamo turístico”, engadiu.

Entre as obrigas contraídas segundo o convenio polo Concello de Vimianzo está a de achegar o persoal necesario para a atención aos visitantes do castelo, á Mostra e aos Batáns; abrir os centros de acordo cos horarios que se establecen no mencionado acordo (o castelo, de martes a domingo, excepto Nadal e Aninovo; e os Batáns, de luns a domingo) e elaborar unha estatística de visitas mensual e de xeito obxectivo e valorable.

Regueira lembrou que no castelo “converteuse unha das torres en centro de interpretación do Castelo e da Costa da Morte, a través de paneis e outros elementos. Por outra banda, instaláronse paneis sobre diferentes manifestacións artesás. Ademais desa parte, atópase o foso e todas as dependencias da edificación que poden ser visitadas. Durante todo o ano hai servizo de conserxería para orientar aos visitantes na súa experiencia e, en tempada alta, fornécese o servizo con visitas guiadas e atención ao visitante”.

O Castelo de Vimianzo é un dos conxuntos máis visitados na Costa da Morte. Os viaxeiros que se achegan demandan información sobre a fortaleza e o seu contido, sobre o concello, pero tamén sobre o resto do xeodestino. En canto ás visitas teatralizadas, contémplanse para tempada alta.

Unha compañía profesional canta, cada fin de semana, a historia do castelo transformándose nas persoas que o habitaron durante diferentes épocas. Desde os Mariño de Lobeira e os Moscoso, pasando polos acontecementos do 36, ata a actualidade, relatan de xeito lúdico e ameno as principais vivencias acontecidas na fortaleza medieval.

O conxunto etnográfico dos batáns e muíños de Mosquetín está delimitado polo río e pola elevación da estrada de acceso. Desde o Concello contrátase externamente a apertura do espazo no horario establecido. Dentro, as persoas visitantes poden entrar nas diferentes dependencias e ver a enxeñería asociada ao uso da auga. Mantense limpo o espazo e vixíase o estado de seguridade das zonas de tránsito. En tempada alta elabórase un calendario de visitas guiadas e en tempada baixa pódense concertar, limitando este servizo á disposición de recursos. Ademais, estase en contacto coa Asociación de Guías de Turismo por se é preciso derivar a algún grupo, dado que os recursos municipais son limitados.

comarcas@elcorreogallego.es

10 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.