Buscan regueifeiros sen medo a confrontar ideas
Volve o programa Enregueifate nas categorías escolar e xeral // Inclúe obradoiros formativos e tamén certames
Se vostede goza do don da ocorrencia verbal, ou quere abrirlle as cancelas á súa lingua, non o dubide: o seu sitio está na quinta edición do programa Enreguéifate, que xa está á procura de quen desexe sumarse e prácticar a arte da improvisación oral coas regueifas en galego.
Trátase dunha iniciativa que, ademais de ao Concello de Ames, inclúe ó de Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Rianxo, coa meta fixada en revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos e promover o uso do galego a través da improvisación oral en verso. Para achegar esta arte á rapazada de Ames, impartíronse once sesións do cuarto obradoiro Enreguéifate nos centros de ensino, que vénd e rematar. O prazo de participación para o vindeiro estará aberto ata o 28 de maio de 2021 , con anotacións a través da páxina web do certame, onde tamén están xa dispoñibles as bases.
Dende hai cinco anos, e a través do certame Enreguéifate, estase na procura de estudantes e público en xeral que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Nesta ocasión, faino ademais coa recente boa nova de ter recibido o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua ao mellor proxecto estabilizado.
O Concello de Ames anima á veciñanza a participar neste certame no que haberá dúas categorías; a xeral e a escolar, e seis premios en cada unha das mesmas: Regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.
Ademais do certame, cada ano desenvólvense unha serie de obradoiros formativos sobre a regueifa nos centros de ensino dos concellos organizadores. Josinho da Teixeira e Lupe Blanco impartiron en Ames once sesións do obradoiro de regueifa nos colexios e institutos de Ames durante catro días. Comezaron o luns 22 de marzo, no CEP de Ventín, onde corenta alumnos de 6.º de Primaria participaron nas dúas primeiras sesións, impartidas pola pandereteira e regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco. E xa o 23 de marzo tocoulle a quenda ao alumnado do CEIP Agro do Muíño. Os nenos de 5º de primaria asistiron a dito obradoiro tamén impartido por Lupe Blanco, continuando o 9 de abril cos talleres organizados nos institutos das dúas urbes amesás.
Nos obradoiros regueiferios xa celebrados, e ademais de achegarlle ao alumnado ferramentas e técnicas que faciliten a improvisación, tratáronse valores como o da igualdade de xénero, o respecto á diversidade ou a axuda mutua. A metodoloxía empregada parte dos coñecementos previos dos rapaces para propiciar unha aprendizaxe significativa, que vincule a súa realidade cos contidos que se pretenden introducir.
E é que o diálogo entre as persoas que guían o obradoiro e as que participan nel é constante, procurándose unha interacción continua e o emprego de técnicas de traballo en grupo e de colaboración mutua. Esta actividade parte da liberdade discursiva e do diálogo, e nela dánselle azos ao alumnado para que sexa quen de se expresar en público, creando un ambiente de confianza e horizontalidade.
O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, tamén inclúe accións formativas tanto para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.
A regueifa é un desafío oral improvisado en verso cunha orixe que, debido ao seu carácter basicamente oral, se perde na noite dos tempos. A súa referencia máis próxima di que durante o banquete das vodas campesiñas era tradición que a parella ou a madriña puxese a disposición dos que non foran convidados á celebración un bolo de pan chamado regueifa. Ademais, a maneira de ver quen era a persoa á que lle cabía o honor de repartir a regueifa, molete ou biscachón entre os presentes era retarse dialecticamente entre eles, sempre en verso, meténdose uns con outros, cos contraentes ou cos familiares destes.