Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Buscarán compatibilizar as actividades humanas coa conservación dos Penedos

Durante un mes a cidadanía e as organizacións máis representativas poderán formular achegas ao plan de xestión da Paisaxe Protexida // Abarca preto de 212 hectáreas

A memoria inicial do Plan de xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba someterase este mes á participación pública, tal e como trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos alcaldes de Laxe, José Luis Pérez, e Vimianzo, Mónica Rodríguez, municipios nos que se localiza este conxunto de elevacións graníticas que ocupa unha superficie total dunhas 212 hectáreas, e que se estenden ao longo duns 2,5 quilómetros de norte a sur e unos 900 metros de leste a oeste.

Do Campo avanzou que está previsto que o próximo día 24 de novembro saia publicado no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se abrirá este procedemento para recoller, durante un mes, as achegas da cidadanía e das organizacións máis representativas, entre outros.

Nesa liña, a directora xeral incidiu en que o obxectivo do plan é garantir o desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos que foron considerados claves para a declaración como Paisaxe Protexida, e evitar presións e ameazas que poidan afectar a este lugar.

Ademais, procuraranse manter as prácticas tradicionais que contribúan á preservación dos seus valores e recursos naturais, así como a súa conservación. Cómpre lembrar que este espazo caracterizase por unha combinación de formas rochosas significativas que confirman unha paisaxe de singular atractivo. Os Penedos indican non só a súa relación con longos procesos tectónicos durante os que as rochas foron fracturadas, erguidas ou afundidas, senón tamén o papel que tiveron na súa orixe as condicións climáticas máis quentes e húmidas.

Durante o encontro cos rexedores municipais, a directora xeral agradeceu a súa colaboración no desenvolvemento da memoria inicial do plan de xestión deste espazo protexido e avanzou que se analizarán todas as achegas que realicen a este proxecto.

É subliñable que os Penedos de Pasarela e Traba foron declarados como Paisaxe Protexida o 12 de xaneiro de 2009. Trátase, segundo o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, dunha das paisaxes rochosas “das máis espectaculares que se poden admirar en calquera lugar do mundo”.

ARTE NATURAL. O último traballo de campo realizado por Pérez Alberti e o seu equipo, que xa elaborara o informe previo á declaración como Paisaxe Protexida, permitiu identificar 92 xeoformas singulares con deseños xeométricos, antropomórficos ou zoomórficos. A riqueza e variedade de xeoformas “é de tal magnitude que os Penedos de Pasarela e Traba merecen ser un Lugar de Interese Xeolóxico”, afirma. Considera que este conxunto granítico é un “museo de xeoformas que acadan a categoría de arte natural”.

Unha arte, engade, “na que actuou esencialmente a natureza e non as mulleres e os homes que habitaron desde antigo esta comarca”.

Os habitantes da zona foron quen, iso sí, de darlle apelativos ás xeoformas bautizándoas con nomes como A Galla de Pena Forcada, A Torre da Moa, A Pedra da Cachucha, O Berrón, O Dinosauro, A Balea, O Cantor, O Paiaso Triste, O Cobi, A Dama do Vento, O Sapoconcho ou A Tartaruga, entre outros.

18 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.