Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 01 julio 2022
02:09
h

Cabana e Zas atraparon xa dúas mil raíñas de velutina

Aseguran que as cifras seguen sendo alarmantes // Contan con casi cincocentas trampas repartidas polas diversas parroquias

As campañas de trampeo para facer fronte ás avespas velutinas comezan a ofrecer resultados. As cifras seguen sendo alarmantes e demostran que esta especie invasora continúa moi presente.

En pouco máis dun mes, as duascentas vinte e unha trampas distribuídas polas dezaseis parroquias que forman o Concello de Zas capturaron algo máis de 1.200 raíñas, evitándose así a formación doutros tantos niños de vespa velutina.

Este é o quinto ano consecutivo que o Concello zaense pon en marcha unha campaña para loitar contra esta especie. Ao igual que nas edicións anteriores, a iniciativa comezou a desenvolverse a mediados do mes de marzo (momento no que as raíñas despertan do seu letargo invernal), e continuará ata o mes de maio, época na que aparecen os niños primarios.

Este ano contan coa colaboración de 132 veciños e veciñas de todas as parroquias do municipio aos que se lle entregaron as trampas e o respectivo líquido atraínte.

A campaña de trampeo, xestionada pola empresa Plaguiber, está reforzada coa instalación doutras 80 trampas en espazos públicos e altamente sensibles a esta praga, como son as zonas dos centros educativos, centros de saúde, paseos fluvais ou as Torres do Allo.

Dende o Concello de Zas alertan que “no momento en que comecen a aparecer os primeiros niños, segue a ser moi importante a colaboración veciñal”. Para iso débese de comunicar o aviso para a súa retirada no número de teléfono 012 da Xunta.

Tamén no veciño de Cabana de Bergantiños fixeron balance do primeiro mes de campaña, rexistrando un total de 755 raíñas capturadas. A veciñanza ten á súa disposición un total de cento oitenta trampas, e instaláronse outras oitenta en diferentes lugares públicos do Concello.

No municipio cabanés iniciaron a loita contra a praga a mediados do mes de marzo tanto en zonas comúns (colexios, xardíns, igrexas ou o paseo marítimo) como en domicilios particulares. Este ano as trampas contan ademais con xeolocalización para comprobar a súa situación a través dunha aplicación móbil.

SOLICITUDE. Lembran que todas as persoas que queiran dispoñer dun dispositivo de captura e de líquido atraínte poden completar a solicitude a través do formulario en liña habilitado na páxina web (https://bit.ly/3v7Vky1). Deberase de informar de xeito obrigatorio do número de raíñas capturadas cunha periocididade de quince días.

25 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.