Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cabana súmase á recollida separada dos biorresiduos

Instalará colectores marróns nas estradas AC-429 e AC-552 // As persoas e establecementos interesados deberán inscribirse

O Concello de Cabana súmase ao plan de reciclaxe da materia orgánica a través dos colectores marróns, que xa teñen implantado municipios como Carballo e A Laracha. Avanza así no cumprimento da normativa de residuos e pon en marcha a primeira fase do seu proxecto de recollida separada de biorresiduos.

Os contedores, que serán de 240 litros e deberán abrirse cunha chave, colocaranse ao longo da estrada AC-429 entre Ponteceso e Laxe, ao seu paso polas parroquias de Canduas e Cesullas, e da AC-552 entre A Coruña e Cee ao seu paso por Riobó, Nantón e Anós.

Nas dúas áreas de implantación da nova recollida, a participación é totalmente de balde e está aberta á cidadanía en xeral e aos establecementos que xeren gran cantidade de residuos de tipo orgánico, tales como establecementos hostaleiros, froitarías, supermercados ou peixarías, entre outros.

As persoas e establecementos inscritos serán posteriormente contactados para indicarlles como deben proceder para recoller a súa correspondente chave para apertura do contedor.

Os residuos que se admiten e que, en todo caso, deberán depositarse en bolsa compostable, son: restos de alimentos, tanto crus como cociñados, incluíndo tamén restos de carne, peixe e marisco; cascas de ovos e froitos secos; sementes e cereais; restos de pan, bolos e galletas; papel de cociña usado e panos de papel sen restos de aceite; pousos de café e bolsiñas de infusión; mondadentes e tapóns de cortiza natural; restos de plantas, flores, follas secas, herba e pequenos restos de poda e da horta.

As inscricións poden tramitarse enviando un correo electrónico ao enderezo silvana.facal@cabana.gal ou chamando ao 981 754 020. Deberán indicarse nome, apelidos ou nome do establecemento, así como enderezo, número de contacto e número de persoas que comen habitualmente na vivenda ou establecemento (non será preciso no caso de establecementos de alimentación).

Este proxecto está desenvolvido polo Concello co apoio económico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Pola súa banda, o Concello de Malpica anuncia novas datas de recollida domiciliaria de residuos especiais a prol do medio ambiente, e como parte da campaña de fomento de boas prácticas de reciclaxe.

Este martes, día 22, operarios da empresa Collecting Oil percorrerán a zona do polígono industrial, Buño, Aldeola, O Ceán, A Lagoa, Loroxo, Algadán, Pozacas- Leduzo, Taraio eCerqueda, e o mércores pasarán por Cortés, Filgueira, A Fonte dos Bois, Seixas, Vilarnovo, Piñeiros, rúa Ventorrillo, Pedra Queimada, As Neves, A Camuza, Travesía I A Camuza A, rúa Ventorrillo e Escorial. O xoves 24 visitarán a rúa Emilio González Lopez, Areal, Praza de Santa Lucía, Igrexa, Agros, Praza Fonte Vella, Barreiro, travesía Orxeira, rúa Orxeira, travesía 1 As Neves e travesía 5 Río. Rematarán a semana o venres coa recollida na rúa As Neves; travesías 1, 2, 4, 6 e 7 Río; travesías 3 e 5 Neves; rúa Neves B; rúa Agra do Río; rúas Camiño do Río e Eduardo Vila Fano.

22 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.