Caión vai bailar unha semana enteira ó son dos Rueiros da vila
A segunda edición dos Rueiros da vila converterá Caión entre o 20 e o 28 de agosto nun festival musical e cultural con concertos e actividades lúdicas dirixidas a todos os públicos. O evento foi presentado por unha ampla representación do goberno local, encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela, xunto a Mahoney, o responsable da entidade que xestiona o programa.
O rexedor municipal referiuse aos Rueiros da vila como unha iniciativa “ambiciosa, ampla e gratuíta para o público asistente, que financia integramente o Concello”.
Asimesmo, explicou que nesta ocasión se celebrará en agosto, “o principal mes das vacacións”, co propósito de “remarcar o carácter de Caión como punto de referencia turística”. Ademais, destacou que ao mesmo tempo que se propoñen actividades para todos os públicos, “tamén se dá a oportunidade de actuar a grupos locais”.
Pola súa banda, Mahoney puxo en valor a oferta “plural, nutrida e de carácter itinerante” que permitirá que poidan desfrutar dos eventos “desde os nenos ata os avós”. Considera que “o cincuenta por cento da programación é o propio enclave con catro escenarios únicos que teremos”.
A música será a gran protagonista dos Rueiros da vila e encherá todos os recunchos de Caión durante esas xornadas, ao estar habilitados catro escenarios diferentes para aproveitar todo o potencial que ofrece a localidade.
O sábado 20 a dobre proposta comezará ás seis e media da tarde con 2B1_Selektah, grupo que amosa gran variedade fluíndo entre os beats do house e a música máis urbana, ademais de mesturar a música electrónica en todas as súas vertentes. Dende as nove e media será a quenda para Pan Sen Fron, singulares pandeireteiras cun repertorio de pezas reinterpretadas cun estilo propio e característico.
O domingo 21 repetiranse os mesmos horarios. Pola tarde, co DJ Avocado. Á noite, con Fransy, Davide e Cibrián, un novo trío que trae unha proposta de música e letras tradicionais con aires novos e contemporáneos.
O luns 22, o protagonismo será para o supercombo musical Macheta Supah Sound, que ás oito e media da tarde mesturará estilos jazz, funk, blues e rock con ritmos da África occidental.
Para o martes 23, á mesma hora, está programada a actuación de Xackal, unha banda na que conflúen a música electrónica e a vitalidade das percusións.
O mércores 24, tamén ás oito e media, continuarán os concertos coa banda larachesa Ambigüo, que en breve presentará o seu novo LP. E o xoves 25, co mesmo horario, será a quenda de Mad Martin Trío, a mellor banda galega de rock clásico.
O venres 26 a oferta volverá ser dobre; primeiro con Leuter, que presentará ás seis e media da tarde o seu novo directo, e xa ás nove e media será a quenda de Apart, banda de rock influenciada polos anos setenta, pero cunha visión actualizada.
O sábado 27 concluirán os concertos coa música electrónica de Boneco (18.30 horas) e a unión de culturas como ferramenta para promover a solidariedade e empatía entre os pobos a través do espectáculo visual e sonoro de Perfusión (21.30 horas). En cada xornada na que hai presenza de DJ’s farase un segundo ó remate dos concertos, polo que a música continuará despois das once e media da noite.
O domingo 28 o protagonismo será para os máis cativos cos Rueiros Pequeniños. Ás 13.00 horas actuará Peter Punk e, pola tarde, dende as sete, poderán desfrutar do contacontos musical As aventuras da castaña Garrida. Ambos eventos serán no Escenario Salseiras.
Como actividade complementaria, o mércores 24 dende as 12.30 horas, coa colaboración da confraría de pescadores, realizaranse os Roteiros da vila, un percorrido polos lugares máis importantes da historia e as tradicións de Caión guiado polo historiador local Marcos Amado, que rematará cunha visita ao museo do Arquivo da Pesca.