Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caldas de Reis rehabilitará case cincuenta vivendas coa nova fase de financiación das ARI

Consideran dende o goberno local que é unha “recompensa” pola aposta que fixo a vila ao pór en marcha en 2017 a oficina da Área de Rehabilitación Integral

O Concello de Caldas de Reis vén de consolidar a súa aposta pola rexeneración e recuperación do casco histórico da vila sendo un dos catro concellos da provincia, dos nove que contan con ARIS (Áreas de Rehabilitación Integral), aos que lles teñen sido outorgados fondos para afrontar unha nova fase de financiación neses ámbitos.

O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, considera que esta é “unha recompensa ao esforzo e á aposta que este Concello vén realizando desde a posta en marcha en 2017 da oficina da Área de Rehabilitación Integral, que se traduce agora na oportunidade de desenvolver unha terceira fase do programa de rexeneración e renovación urbana e rural dependente do Plan Estatal 2018-2021”, indicou o edil.

Desta forma, Caldas disporá nesta terceira ocasión de preto de 374.000 euros, unha cantidade que se ve apoiada especialmente polo incremento na axuda achegada polo Estado, pasando dos 237.000 euros anteriores aos 297.000 da actualidade.

O alcalde, Juan Manuel Rey, valora esta cantidade como “un éxito da xestión da Oficina Municipal da ARI que dirixe a arquitecta María Pierres, non só pola valoración que desta oficina e dos seus resultados se ten realizado por parte da Administración autonómica, senón por ter acadado unha cantidade que comparativamente supera a adxudicada a concellos con máis poboación e vivendas integradas nas súas áreas ARI”.

Este incremento vai permitir abrir unha nova convocatoria de axudas que favorecerá a rehabilitación ou reconstrución de preto de 50 vivendas para as que o Concello propón destinar 250.000 € en axudas directas, case un 40 % máis que na convocatoria anterior, para a que se preveron 180.000 €, resultando insuficientes para a demanda real que finalmente houbo.

Neste momento, desde a oficina da ARI xa se conta para esta terceira fase coa petición e interese de levar a cabo 28 actuacións por parte de particulares. A previsión é que todas as persoas interesadas poidan participar da nova convocatoria, que se abriría previsiblemente no outono, unha vez se resolva a sinatura do oportuno convenio co Ministerio de Transportes e Axenda Urbana e o IGVS.

Desde a creación no concello de Caldas de Reis da Área de Rehabilitación Integral de Santo Tomé no ano 2017, a súa oficina de xestión da ARI consolidouse como unha das máis activas da provincia de Pontevedra.

Desde que se abriu a primeira fase de subvencións o pasado mes de xullo de 2018, son xa preto de 75 as actuacións de particulares que se teñen solicitado para as axudas á rehabilitación específicas para este tipo de áreas.

19 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
ARI
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.