Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Caldas pon a punto a Vía Verde para o visitante saudable

Faino con Portas e Vilagarcía // A área acollerá ruta guiada e andaina esta fin de semana

Os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía chegaron a un acordo para poñer en marcha un programa de actuacións de roza e acondicionamento na Vía Verde do Salnés. As intervencións consisten, principalmente, no desbroce da vexetación presente nas marxes do trazado por medios mecánicos mediante o uso dun tractor con rozadoira de brazo lateral e noutros traballos de mantemento por medios manuais. Trátase dunha actuación que se iniciou a pasada semana no treito correspondente a Caldas e Portas e que continuará durante estes días ata rematar en Vilagarcía.

O obxecto dos traballos é o de favorecer o bo estado da Vía para o seu desfrute por parte de veciñanza e visitantes, acondicionando as marxes nunha época do ano na que a vexetación medra especialmente e pode chegar a invadir o paseo. Os tres concellos manteñen así o seu compromiso pola conservación desta infraestruturapioneira que desde a súa apertura está sendo un éxito rotundo e está servindo para como reclamo non só a nivel local e galego, senón de categoría nacional.

O alcalde, Juan Manuel Rey, aproveitou para convidar a veciñanza e visitantes a desfrutar da Vía Verde durante este verán e fixo fincapé na gran acollida que está tendo unha infraestrutura “que é todo un exemplo de lecer saúdable e turismo sostible”. O alcalde sinalou que “a Vía Verde é un valor engadido para os tres concellos polos que discorre” e insistiu en convidar a toda a cidadanía “a coñecela e a desfrutar dos seus encantos”.

Indicar que no marco do programa Depo-andainas da Deputación de Pontevedra, o vindeiro domingo, día 18, terá lugar unha ruta pola Vía Verde, que xa cubriu as 200 prazas ofertadas. Esta andaina desenvolverase polos concellos de Caldas e de Portas cun percorrido aproximado de 13 quilómetros e unhas condicións e atractivos perfectos para os amantes dos deportes ao aira libre. Comezarase na vila termal percorrendo a senda peonil en dirección ao concello de Portas onde se conectará coa Vía Verde para continuar o itinerarios por onde transcorrían as antigas vías do tren.

Ademáis, dentro da aposta de Caldas por promover o turismo sostible e de natureza, o sábado, día 17 de xullo, terá lugar a primeira das rutas guiadas que se levarán a cabo durante o verán para dar a coñecer a biodiversidade do río Umia e da súa contorna. Aínda están dispoñibles as últimas prazas. As persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Turismo, no teléfono 665 286 957 e no correo electrónico turismo@caldasdereis.com. A ruta comezará nas Corticeiras e rematará na Fervenza de Segade.

14 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.