Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Concello organiza este verán visitas guiadas pola vila termal nas que destaca a participación dos propios caldenses // A Oficina Municipal de Turismo recibiu máis de seiscentos visitantes ao longo do pasado mes de xullo TEXTO A. Prada

e historia ante veciños e turistas

Se algo é certo é que moitas veces coñecemos mellor outros lugares aos que viaxamos, porque previamente nos adicamos a empaparnos do seu patrimonio ou cultura e porque unha vez alí non dubidamos en contratar guías que nos amosen cada recuncho, que o propio lugar no que residimos. Semella que de tanto ver as cousas nos despreocupamos por afondar na súa historia. Precisamente para acabar con este descoñecemento e para convidar aos turistas a coñecer Caldas, o Concello, a través da Oficina Municipal de Turismo, puxo en marcha este verán un ciclo de visitas guiadas pola vila termal. A iniciativa, que se desenvolve desde o mes de xullo cada mércores pola mañá, está gozando dunha excelente acollida, segundo indican fontes municipais. Destaca a participación, precisamente, de persoas residentes na vila que queren saber máis sobre a historia do seu municipio.

O percorrido realizado durante as visitas ten un cariz histórico que se vai trazando polos diferentes recursos turísticos e puntos de interese da cabeceira municipal caldense. Comeza no auditorio, onde se expón a réplica do Tesouro de Caldas, un dos máis importantes de cantos se descubriron na Península Ibérica e cuxas pezas orixinais se expoñen no Museo de Pontevedra. O itinerario continúa pola Fonte da Burga onde se explica a relevancia histórica dos recursos termais para a vila desde as súas orixes e particularmente desde a época romana. Tamén se fala sobre o termalismo e o Balneario Dávila para proseguir pola rúa Real e compartir coas persoas participantes os segredos que agochan algunhas casas fidalgas e soportais dunha das rúas máis fermosas e mellor conservadas do casco urbano.

A continuación coñécese a ponte romana do Bermaña e o Campo da Torre onde se situaba a antiga Torre de Dona Urraca, cuxas pedras forman agora parte da Igrexa de Santo Tomé. A visita continúa pola Tafona, prosegue cara o Balneario Acuña e logo cara a Igrexa de Santa María e a ponte da Ferraría. Por último visítase a praza das Palmeiras e a Igrexa de Santo Tomé para rematar no Xardín Botánico declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Segundo explican desde a Oficina Municipal de Turismo “as persoas participantes nas visitas, moitas delas caldenses, quedan sorprendidas pola riqueza histórica, patrimonial, termal e natural que enche Caldas de Reis e fan unha gran valoración da iniciativa”.

TURISMO Caldas de Reis está vivindo este verán un repunte moi importante na afluencia de turistas con respecto ao ano pasado, tan marcado pola pandemia. Segundo sinalan desde a Oficina Municipal de Turismo, durante o mes de xullo recibíronse nas dependencias situadas no Centro Comarcal a máis de 600 visitantes que se achegaron a solicitar algún tipo de información. Detectouse sobre todo un incremento moi forte no número de peregrinos que se dirixen cara Compostela seguindo o Camiño Portugués. A maior parte do turismo recibido é de procedencia nacional, aínda que tamén aumentou a chegada de visitantes internacionais. A motivación principal pola que visitan Caldas é a do ocio enmarcado nun periplo pola zona das Rías Baixas.

O segundo factor de atracción turística, apuntan, é o Camiño de Santiago, seguido do termalismo e os recursos naturais e gastronómicos. A ocupación actual dos aloxamentos turísticos do municipio “é do 100% e as perspectivas para o que resta do mes de agosto e para setembro son tamén moi boas o que está a provocar satisfacción no sector”, sinalan dende a Oficina Municipal.

23 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.