Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 04 julio 2022
17:13
h

Camariñas botará man dos fondos comunitarios para crear un centro de día

Ubicarase na planta baixa do edificio municipal de iniciativas da rúa Real // Complementará os servizos da futura casa do maior

O Concello de Camariñas elaborou un proxecto valorado en 208.024,10 euros para crear un centro social na planta baixa do Centro de Iniciativas, situado na rúa Real. Para o seu financiamento, vén de solicitar unha subvención europea para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos públicos.

O obxectivo desta actuación será converter a planta baixa do Centro de Iniciativas nun centro social que se destinará á atención e entretemento das persoas maiores do municipio.

Para isto, crearase un vestíbulo de entrada ao recinto, que facilitará o acceso a unha estancia ampla onde uns estantes móbiles crearán zonas de paso e dous espazos independentes, un que se destinará a zona de ocio e outro para o desenvolvemento de actividades terapéuticas.

Ademais, o centro social estará dotado dun despacho, aseos, dos que un estará adaptado para persoas con mobilidade reducida, e dunha zona con máquinas expendedoras, lavadoiro e papeleira. Tamén se habilitará un cuarto de limpeza e un armario-almacén para gardar o material didáctico e o mobiliario que se utilizará nas actividades.

Esta iniciativa complementaría á futura casa do maior que o Concello de Camariñas oferta actualmente para executar na planta do Centro de Iniciativas na que se realizan os diferentes obradoiros, habilitando así o edificio como un equipamento dirixido tanto á mocidade como tamén ás persoas maiores.

O goberno local, que preside Sandra Insua, acordou o pasado mes de febreiro ofertar o referido inmoble para que funcione como a segunda casa do maior do municipio, que xa ten unha operativa en Xaviña. Ao igual que ocorre con esta, a idea é que o servizo sexa financiado integramente pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas da Consellería de Política Social.

Unha iniciativa que deberá correr a cargo das persoas promotoras de proxectos de casas de maiores, que deberán formalizar as correspondentes solicitudes de participación na convocatoria de subvencións autonómicas.

Unha das condicións que se establecen é o compromiso dos promotores de realizar as obras necesarias para a adaptación do inmoble e a dotación do mobiliario necesario para adecuarse ao establecido na convocatoria. A duración máxima de autorización de ocupación será de 5 anos.

DEMANDA. Deste xeito, o goberno local de Camariñas pretende dar resposta a uns servizos moi demandados, e dar cumprimento a uns proxectos que son prioritarios para o departamento de Servizos Sociais.

A alcaldesa, Sandra Insua, considera que a casa do maior, mentres o centro de día non se faga realidade, poderá dar este servizo á veciñanza e, ao mesmo tempo, obterán unha maior utilidade dos bens municipais.

Asegura que a casa do maior de Xaviña “está a ter unha gran aceptación”, polo que agardan que a da capital municipal, “que conta cun emprazamento inmellorable, tamén sexa un éxito”.

Hai que sinalar que outros concellos como Laxe e Cee xa teñen estes servizos en marcha, que tamén se habilitarán en Muxía, Coristanco e Ponteceso, entre outros.

26 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.