Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Concurso. Convocou unha nova edición do Certame de Noveis Deseñadores dotado con 4.500 € en premios // Distinguirase, por vez primeira, a colección máis comercial // O obxectivo é fomentar á aplicación das puntillas ás prendas de vestir TEXTO J. Ramos

Camariñas cita ás promesas do mundo da moda que incorpora o encaixe

O Concello camariñán vén de facer públicas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases do XXIX Certame de Noveis Deseñadores, que se desenvolverá a cando a XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará entre os días 5 e 9 de abril do vindeiro ano 2023.

O principal obxecto do concurso é fomentar e promocionar a aplicación do encaixe de Camariñas na moda, concedéndose mediante a valoración do xurado oficial tres premios ás mellores coleccións. Nesta edición estrease unha nova categoría, a da colección máis comercial.

O primeiro premio constará de 2.100 euros, o segundo de 1.200 euros, e tanto o terceiro como o premio á colección máis comercial terán unha dotación económica de 600 euros cada un.

O prazo para presentar os traballos comezou este martes, día 23 de agosto, e remata o 2 de decembro do 2022. Os catro deseños que compoñan a colección teñen que ter aplicado encaixe de Camariñas e non serán aceptados os que presenten outro encaixe diferente.

Poden concorrer á convocatoria todos os noveis deseñadores con independencia da súa nacionalidade ou país de residencia, sempre que sexan alumnas e alumnos que estean cursando estudos nos centros que impartan ensinanzas de deseño e técnicas de confección, teñan ou non os seus estudos rematados; e todas aquelas persoas vencelladas o mundo do deseño que, aínda sendo profesional no campo da moda, por manter unha relación contractual ou autónoma con algunha empresa do sector, non formen parte do equipo de deseño da mesma.

A participación poderá facerse individualmente ou en grupo, neste último caso sendo o máximo de integrantes tres persoas. Cada aspirante presentará unha colección composta por catro deseños. O tema e a modalidade é libre tanto para moda masculina como feminina. Quedan excluídos os deseños de prendas infantís. A presentación da documentación poderá facerse na Casa do Concello de Camariñas (praza de Insuela número 57), en horario de oficina, de 9.00 a 14:00 horas de luns a venres, ou tamén se poderá enviar por correo postal certificado.

Dado o limitado número de prazas para participar nos desfiles de Noveis Deseñadores,que se celebran cada ano durante a Mostra do Encaixe, nomearase un xurado para seleccionar as memorias que participarán no concurso. A lista de propostas elexidas farase pública na web do Concello de Camariñas e individualmente por correo electrónico antes do 17 de decembro.

Todas as memorias seleccionadas recibirán unha cantidade de encaixe por valor de 300 euros (IVE incluído), segundo o catálogo e tarifa establecida de antemán polas asociacións de encaixeiras de Camariñas. As puntillas que se lles subministrará aos deseñadores estarán elaboradas en algodón e cor branco.

CATRO DESEÑOS. Os concursantes seleccionados confeccionarán a colección cos seus catro deseños para que poidan ser exhibidos na pasarela da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas. As pezas confeccionadas terán que chegar ao Concello camariñán antes do día 28 de marzo de 2023.

A protagonista
“É un encontro consolidado a nivel nacional”
Dolores Lema
Directora da Mostra do Encaixe de Camariñas

A directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, Dolores Lema, asegura que “este certame xa está totalmente consolidado como referencia a nivel nacional para os rapaces e rapazas que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda”.

Pola súa banda, a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, agarda que o concurso continúe a tendencia positiva dos últimos anos, nos que “o nivel está sendo impresionante” . Hai que lembrar que, cada ano, participan creadores de distintos puntos de España.

{ Pasaba por aquí }
Ampliando horizontes
Manuel Lavandeira

A Mostra do Encaixe de Camariñas, que naceu hai máis de tres décadas para manter viva a arte do palillo, no só acadou o seu principal obxectivo, senón que incluso ampliou os horizontes das puntillas, logrando que os grandes deseñadores de moda as incorporasen ás súas coleccións. E nada mellor para consolidar esta tendencia que crear canteira dende a base, e ese é un dos obxectivos do concurso de noveis deseñadores que, ano tras ano, están a sorprender coa súa creatividade e propostas para aplicar os prezados encaixes á moda máis actual. O seu labor contribúe ademais a valorizar e dar visibilidade ao traballo e o bo facer das palilleiras que souberon transmitir este arte de xeración e xeración dende hai séculos.

24 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.