Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Camariñas e Cee quedarán sen as oficinas do banco Sabadell

As súas alcaldesas retirarán os fondos municipais da entidade // Margarita Lamela di que estudarán cobrar unha taxa polo caixeiro a aqueles que non ofrezan atención presencial // O BNG pide no Congreso unha nova regulación do sector

O peche de oficinas bancarias na Costa da Morte continúa. Agora, son as vilas de Camariñas e Cee as que perderán as sucursais do banco Sabadell, que veñen a sumarse ás xa desaparecidas de Abanca en Zas e Baíñas (Vimianzo).

Ante tal decisión, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, deu este xoves orde de retirar os fondos do Concello da conta corrente do Sabadell. Asegura que veciñas e veciños do pobo trasladáronlle a súa inquedanza, e decidiu actuar “respondendo ás demandas da veciñanza”, insiste.

“Os atentados contra o noso rural non son exclusivos dunha entidade, como temos comprobado, e non podemos seguir tendo os cartos de todas e todos en entidades que non respectan a vontade popular”, subliñou Insua.

O mesmo fará o Concello de Cee, tal e como confirmou a alcaldesa, Margarita Lamela, quen considera que non ten sentido “manter os cartos nunha entidade que desaparece do noso municipio”. Ademais, sinalou que estudarán en comisión o borrador da ordenanza “para cobrar una taxa a aquelas entidades que só dispoñan de caixeiro, sen atención presencial, e que teñan que facer uso do solo público para prestar o devandito servizo”.

Pola súa banda, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o deputado do BNG, Néstor Rego, presentaron este xoves varias iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado estableza unha nova regulación no sector bancario que poña fin ao proceso de concentración e ao fechamento de oficinas no rural. Rego lembrou que nos últimos cinco anos pecharon “máis de 100 oficinas en Galicia”.

O rexedor de Zas sinalou que “para o Goberno galego parece que non é un problema, mais o que se está facendo é excluír duns servizos imprescindíbeis unha porcentaxe elevada de poboación”.

Muíño salientou a necesidade de que as administracións interveñan “e obriguen as entidades bancarias, non só a non fechar as sucursais senón a aumentar os horarios para, por exemplo, sacar diñeiro ou pagar facturas”. Continuarán e mesmo intensificar as mobilizacións até lograr frear este proceso de fechamento de oficinas bancarias nos concellos rurais. No BNG din que iso non se logra “dando cartos públicos ás entidades que deixan abandonada a veciñanza para instalaren caixeiros automáticos”.

16 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.