Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MODA. Unhas 250 persoas asistiron no Palacio de Congresos de Calatrava ó desfile promocional da vindeira edición do certame // Sobre a pasarela brillaron as doce coleccións dos gañadores e finalistas do premio de noveis deseñadores TEXTO F. R. G.

Camariñas engalanou Oviedo de encaixe como antesala da Mostra

A Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatrava, en Oviedo, acolleu con gran expectación o desfile organizado polo Concello de Camariñas para promocionar a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Entre as autoridades estaban a vicepresidenta do Parlamento do Principado, Celia Fernández; a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e as edís Begoña Tajes e Encarna Liñeiro; o rexedor de Oviedo, Alfredo Canteli, e os edís Luis Pacho e Leticia González.

Unhas 250 persoas desfrutaron da pasarela, na que brillaron as coleccións de diferentes grandes deseñadores que participaron nas últimas edicións, con especial mención á deseñadora de orixe asturiana Ana Cabranes e as súas pezas de pret à porter e de cerimonia.

Ademais, o público tamén valorou a creatividade e a innovación que se aprecian nas doce coleccións dos gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores que cederon as súas creacións para poder levar a cabo esta pasarela: Rocío Molina e Alba Cobos, coa súa colección Enxebre (2); Rebeca Mercado, con Déjame encajar; Candela Rodríguez e Alba Otero, con Carrera de Indias; Josu Santos, con Tira y afloja; Joaquín Ruíz, con Suspiros flamencos; Jaione Ventura, con Zeistmaschine; Uxía Rodríguez, con Estímulos; Eli Conde, con Victoria; Judith Martín, con Matista; Iria Cameán, con Un paseo sereno; Sara Alonso, con Enxebre (1); e Beatriz Anido, con Sea Lung. Os e as modelos participantes no desfile correron a cargo da Agencia de Modelos Rassim’s.

Ao remate do acto, organizado en colaboración coa Asociación de Galicia en Asturias, da man do seu presidente, Manuel Fernández Quevedo, a recoñecida soprano asturiana Tina Gutiérrez deleitou aos asistentes coa súa voz e incluso interpretou algúns dos seus temas en galego.

A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, destacou que “foi unha moi boa experiencia; pensamos que o público asturiano quedou encantado co que viu e invitámolos a vir a Camariñas a desfrutar da Mostra en Semana Santa, porque o que aquí puidemos ver só é unha pequena parte de todo o que ofrecemos”.

A Mostra incorpora cada ano novidades que a fagan máis atractiva para o público e que demostren que o encaixe ten innumerables aplicacións. O desfile de ArtEncaixe, que se estreou na atípica Mostra de outubro, repetirá nesta edición buscando a súa consolidación.

29 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.