Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Camariñas lembra a vida e obra de Man de Camelle no aniversario da súa morte

O Concello organizará unha exposición para poñer e valor o seu legado // Xuntará a varios expertos nunha mesa redonda que se celebrará o día 29

Cando van cumprirse vinte anos do pasamento do artista alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camello, o Concello de Camariñas quere renderlle unha nova homenaxe e, con tal motivo, programou un ciclo de actividades conmemorativas da súa figura e obra, que se desenvolverán entre o 29 de decembro e o 31 de xaneiro.

Entre elas figura a exposición Tralas pegadas de Man, que será inaugurada o día 29 no Museo de Man de Camelle. A mostra, que se encadra tamén dentro dos diferentes actos programados nas últimas semanas polo vixésimo aniversario da traxedia do Prestige, fará un percorrido pola vida e obra do artista, facendo fincapé no que supuxo para el e para o seu museo ao aire libre a catástrofe ambiental que inundou de chapapote as nosas costas e que bordeu e tinguiu de negro toda a súa obra, ubicada ao pé do porto de Camelle.

Asolado pola magnitude do acontecido que, segundo moitos, acabou provocándolle a morte o 28 de decembro de 2002, Manfred afirmou no seu momento: “Yo decir que esto no debe limpiarse nunca.... ser episodio de la historia. Quedar así para que todos recordar quien es el hombre”.

A xornada comezará ás 11.00 horas coa actuación do Coro Municipal de Camariñas e complementarase cunha mesa redonda sobre a figura e o legado artístico do creador alemán, que estará moderada por Andrea Serodio. Participarán a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua; a doutora en Belas Artes, Carmen Hermo e o profesor e artista Antón Sobral, dous dos grandes estudosos da obra de Man de Camelle.

Tamén intervirán a presidenta da AAVV de Camelle, Digna Romar; os representantes da Asociación Retoque Retro, Isabel García, Ana Lee e Javier Serantes; e os membros da Asociación Mar de Fábula, Virginia Barros e Luis Álvarez Pardiñas.

A xornada completarase cunha ofrenda floral na casa que viviu Man e onde repousan as súas cinzas, en pleno porto de Camelle, onde o artista alemán creou o seu propio museo, do cal aínda se conserva unha parte importante da súa obra.

Manfred Gnädinger chegou a Camelle nos anos 60 do século XX. Tal e como se subliña no espazo promocional do seu museo na web do Concello de Camariñas, “aquí creou o seu edén de fantasía e soidade, o lugar que lle deu a paz interior que buscaba e onde dar vida á súa obra”.

A quenes se achegaban ao seu museo, Man pedíalles que debuxarán nas súas libretas, sendo esta unha forma de relacionarse cos demais xa que en “cada papel está el alma de cada uno y mi objetivo es hacer un gran rascacielos con todas ellas”, afirmaba.

O naufraxio do Prestige tinguiu de negro a súa obra, os seus fillos, como el as chamaba. Non foi quen de superar aquela traxedia e faleceu o Día dos Inocentes de 2002.

MUSEO. Parte do seu legado, que albergaba na súa casa, foi trasladado ao museo que leva o seu nome, situado na rúa do Peirao de Camelle.

O tema motor desta exposición é a visión propia do artista cara a súa obra e do seu museo en relación co mar e a natureza. Creouse un espazo expositivo acorde co imaxinario do artista, que parte da súa propia obra e que permite que o visitante se mergulle na especial visión que Man tiña do mundo.

17 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.