Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Camariñas leva a Fitur e á Gran Vía de Madrid a XXXII Mostra do Encaixe

Presentado o cartel de promoción con imaxes da costa de Reira, do faro e do cabo Vilán

Camariñas. O Concello de Camariñas volve á Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra en Ifema (Madrid) para presentar este xoves, día 19 ás 18.30 horas no expositor de Turespaña, a XXXII Mostra do Encaixe Deputación da Coruña.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, será a encargada de dar a coñecer o motivo escollido para este ano e o vídeo promocional do gran encontro artesán, que se celebrará na Semana Santa, do 5 ao 9 de abril, baixo o lema Camariñas está de moda.

No cartel desta trixésimo segunda edición pódese ver a unha muller vestida con encaixe apreciando, desde unha pasarela en Reira, a paisaxe máis recoñecible de Camariñas en todo o mundo: o cabo Vilán e o seu faro, flanqueado polo impoñente e bravo océano Atlántico.

Para contribuír á difusión da XXXII Mostra do Encaixe o Concello de Camariñas, ao igual que xa fixera no ano 2020 e no 2022, decidiu levar a Mostra do Encaixe a pleno centro de Madrid. Así, aproveitando a presentación da Mostra en Fitur, programou que durante toda a semana do 16 ao 22 de xaneiro se proxecte nas grandes pantallas dixitais de Callao, en Gran Vía, un cartel promocional.

O obxectivo desta acción publicitaria “é o de continuar a promocionar a Mostra do Encaixe e o turismo en Camariñas fóra das nosas fronteiras, para afianzar o evento como capital da moda durante a Semana Santa e atraer un maior número de visitantes”, subliñan dende o goberno municipal. M. LAVANDEIRA

17 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.