Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Camelle e Arou lembrarán ós náufragos do mercante anglosaxón ‘City of Agra’

En outubro cúmprense 124 anos do afundimento nos baixos de Canesudo // Corenta e dous tripulantes puideron salvarse

A Asociación Naufraxios Galegos, en colaboración co Concello de Camariñas, a Asociación de Veciños de Camelle A Pergoliña e a Confraría de Pescadores de Camelle, conmemorará os 124 anos do naufraxio do buque City of Agra, encallado nos baixos do Canesudo, en Arou, e que tiña por destino Calcuta (India).

Durante os días 15, 16 e 17 de outubro terá lugar, segundo a propia organización, “o meirande programa cultural adicado a un naufraxio en Galicia”, que arrincará coa inauguración dunha exposición fotográfica no Museo Man, aberta ao público desde o día 2 de outubro, e que estará presente neste espazo ata o 31.

O día 15 de outubro arrinca o programa ás 10.00 horas coa inauguración do evento cultural coa apertura da carpa que acolle a Feira Mariñeira. Durante a xornada desenvolverase unha visita guiada á exposición fotográfica previamente mencionada, a degustación do I Concurso de tapas coas especias do City of Agra, ou a recreación dunha palillada na carpa da feira.

Os locais de hostalaría participantes no evento gastronómico son: O Colmado d’Arou, A Molinera, O Estanco, o bar-restaurante Rotterdam, o café-bar Marítimo e a pastelaría Perla.

Durante o sábado 16 de outubro celebrarase un roteiro animado dos náufragos do City of Agra, con punto de partida no miradoiro de Lobeiras, en Arou, e con remate no Campo Santo de Camelle. Ás 13.00 horas comezará un xantar popular para posteriormente acoller unha representación do desmalle da sardiña, entre o porto e a carpa da Feira Mariñeira. Retornará a degustación das tapas do evento gastronómico e ás 20.00 horas terá lugar o toque da campá, onde un grupo de nenos e nenas percorrerán as rúas de Camelle anunciando o naufraxio do buque anglosaxón. Ás 21:30 horas desenvolverase o acto da arribada dos naufraxios, desde a explanada do Museo Man e ás 22.00 horas pecharase a Feira Mariñeira.

MEDALLAS. O domingo 17 de outubro repetirase a degustación do I Concurso das tapas con especias do City of Agra e a partir das 12.45 terá lugar o acto simbólico de recepción de autoridades aos náufragos salvados polos mariñeiros de Camelle e Arou, e posterior entrega de medallas aos seus patróns polo Cónsul británico.

Ás 13:00 horas haberá un pasarrúas de despedida da veciñanza de Camelle aos náufragos, e ás 18:00 horas abrirase a furna para coñecer o establecemento gañador do consurso de tapas, na carpa da Feira Mariñeira. Ás 20.00 horas do domingo clausurarase o programa.

Para inscribirse nos roteiros guiados, é necesario enviar un correo a naufraxiosgalegos@gmail.com.

SUPERVIVENTES. Hai que lembrar que corenta e dúas persoas sobreviviron ao naufraxio: trinta e dous aloxados nas casas de Camelle, Camariñas e Arou e dez salvados pola tripulación do vapor mercante británico Onega. A bordo do City of Agra ían setenta e cinco persoas.

Os veciños e veciñas de Arou e Camelle proporcionaron aos náufragos roupas, comidas, camas e prodigáronlle toda clase de atencións logo do desolador acontecemento na costa camariñana.

23 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.