Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Camelle e Arou rememoran o naufraxio do buque británico ‘City of Agra’

Exposicións, música, roteiros, sardiñada e unha foliada animarán as rúas durante tres días // Cúmprense 125 anos do afundimento

Camelle acolleu este venres a primeira xornada de lembranza do naufraxio o buque británico City of Agra cando se cumpren 125 anos do seu afundimento. Trátase do maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, e prolongarase ata o domingo, día 10. A iniciativa está organizada polo Concello de Camariñas e a Asociación Cultural Naufraxios Galegos, coa colaboración da Confraría de Pescadores de Camelle e a Deputación coruñesa.

A programación arrincou coa apertura da exposición City of Agra, 125 anos na memoria. Ao longo das tres xornadas haberá concertos, roteiros de naufraxios, sardiñada, foliada, pasarrúas... O domingo, día da clausura, ás 12.30 horas farase un homenaxe aos náufragos da Costa da Morte e ás 12.50 horas terá lugar unha recepción de autoridades aos náufragos e a entrega de medallas.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou no acto inaugural a importancia de “programas como este para poñer en valor a nosa historia para que non se esqueza e pase de xeración en xeración, e que nunca perdamos a esencia que temos como pobo”.

“Poucos lugares no mundo saben máis de naufraxios que Camariñas. Foi aquí, no noso litoral, onde comezou a lenda da Costa da Morte, que xa é mundialmente coñecida”, afirmou a rexedora.

No acto tamén participou o responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, quen asegurou que “estamos hoxe aquí para facer memoria, porque conservar a memoria, verdadeiro patrimonio inmaterial, é importante para lembrar quen fomos e por iso somos”. “Hoxe non só lembramos unha parte da nosa historia, senón que honramos a persoas que hai 125 anos arriscaron a vida por salvar a doutros e mesmo os acolleron nas súas casas logo do traxedia”. Salientou tamén a implicación e participación na homenaxe dos veciños de Camelle e de Arou, “quen participan dun programa dunha calidade incuestionable, no que caben o teatro, a gastronomía, a música e outras actividades artísticas”. Eloxiou a labor dos organizadores, “pois foron quen de compoñer o que, sen dúbida, é o meirande programa dedicado a un naufraxio”.

09 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.