Camiñar para coñecer polas terras de Soneira
As terras de Vimianzo acolleron a primeira das andainas do ciclo Soneira Inqueda, un programa de sendeirismo para coñecer, que promove Vía Inqueda e que contempla outras dúas saídas por Camelle (Camariñas) e Zas.
O primeiro roteiro achegou ós camiñantes ós segredos megalíticos do Concello vimiancés. Baixo unha chuvia que, segundo os promotores, “vestiu de gala as corredoiras”, os participantes visitaron arcas, antas, fornas, minas e mámoas entre outras testemuñas dun pasado lonxano, seguindo un percorrido deseñado por José Manuel Menéndez, guía de montaña e presidente da Asociación Senda Nova. Non só se achegaron ós monumentos megalíticos, senón que tamén puideron coñecer historias e lendas de seres imaxinarios que conforman o rico patrimonio inmaterial da contorna.
Moitos dos camiñantes xa teñen preparadas as súas botas para seguir camiñando o vindeiro domingo, día 12 de decembro. Farano polas terras de Camelle para descubrir as Paisaxes de Man, onde o artista alemán viviu durante décadas en plena integración coa natureza. Alí coñecerán, ademais do seu legado, a historia de Camelle e as súas orixes como porto baleeiro e tamén os numerosos naufraxios acontecidos nesta brava costa. Será un roteiro de 13 quilómetros, de dificultade baixa, que foi deseñado tamén por José Manuel Menéndez.
O programa rematará o día 19 de de decembro no Concello de Zas, onde os sendeiristas percorrerán a Ruta Cova do Lobo. Un itinerario que adentrará aos camiñantes por recunchos auténticos, bosques autóctonos de carballeiras, como a de Velar, onde se celebra cada ano a tradicional Festa da Carballeira de Zas, unha das citas de referencia da música folk en Galicia. Tamén visitarán o castro de Santo Adrián e os pazos de Romelle e As Edreiras.
Neste caso trátase dun percorrido de 15 quilómetros, cunha dificultade media-baixa, que foi deseñado pola Asociación Deportiva Monte Brondo.
Os interesados en participar deben inscribirse previamente e aboar unha cota de 15 euros por persoa, ou 30 euros no caso de tratarse de familias de tres membros (pais, nais e fillos). Tamén existe unha cota reducida de 12 euros para os menores de catorce anos e os socios do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, o Instituto de Estudos Bergantiñáns, a Asociación Senda Nova e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo.
As inscricións poden formalizarse chamando ao teléfono 696 155232 ou a través do correo electrónico info@viainqueda.com. Pódese ampliar tamén información sobre o programa na web www.viainqueda.com ou no Facebook.
José Manuel Menéndez, un dos impulsores deste programa, destaca que á hora de deseñar os roteiros buscaron sempre unir os distintos puntos de interese de cada itinerario a través de camiños e corredoiras para fuxir do asfalto. Co obxectivo cumprido agora só queda desfrutar e aprender camiñando.