Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Costa da Morte. O IES Ramón Caamaño acolle ata o 8 de novembro unha mostra dos traballos da xove artista lucense // Son obras de pequeno formato creadas cunha ampla variedade de técnicas // Compartíu unha xornada co alumnado TEXTO J. Ramos

Candela de Pablo achega a súa arte multidisciplinar a Muxía

Dende o pasado luns o IES Ramón Caamaño, de Muxía, acolle unha mostra cos traballos da xove artista multidisciplinar lucense Candela de Pablo Martín-Forero, composta de obras de pequeno formato elaboradas a partir dunha ampla variedade de técnicas: pintura ó óleo, serigrafía, fotografía, ilustracións, arte dixital, gravado (punta seca, augaforte, verníz brando e gofrado).

A propia artista participou no acto inaugural da exposición, e fixo unha presentación da mesma ós diferentes grupos de alumnado do centro (de primeiro a cuarto da ESO), explicándolles as diversas técnicas empregadas e os procesos de realización das súas obras.

Candela de Pablo tamén adentrou aos estudantes muxiáns no seu universo imaxinario,e explicoulles cales son os motivos e inquedanzas persoais que a levan a crear.

O seu é un universo poético que a través dunha figuración moi cercana á ilustración, o cómic e a arte urbana, conectou xa de primeiras co alumnado do IES Ramón Caamaño, “que en todo momento interesouse, fixo preguntas e tamén amosou as súas primeiras creacións para que a artista llas comentara e lles dera consellos”, afirmou David Creus, profesor de Educación Plástica Visual e Audiovisual, e responsable tamén do Departamento de Actividades Extraescolares e Complementarias do instituto da vila da Barca.

Creus Andrade asegura que foi “un auténtico luxo contar coa súa presenza nunha xornada de entusiasmo, de achegamento e visibilización da arte nos centros educativos onde os máis xoves poden descubrir que tamén o eido artístico pode constituír unha saída laboral, ademais do pracer que conleva a creación”, explicaba.

A xove artista lucense ten xa máis de cinco anos de experiencia laboral, e realizou numerosos encargos en diversas disciplinas. Actualmente segue a formarse no ámbito da tatuaxe, como un xeito de extensión da arte á pel. Asegura que o seu obxectivo é buscar “a oportunidade de unirme ó mundo editorial para publicar os meus traballos e dar forma ó traballo de outros”.

A mostra permanecerá aberta ó público e poderana visitar todas as persoas interesadas ata o vindeiro 8 de novembro en horario escolar, agás nos recreos por motivos de protocolo da covid.

arte da tatuaxe. Candela de Pablo defínese como unha “artista multidisciplinar”. Logo de estudar o Bacharelato artístico cursou un ciclo superior de Gravado e Técnicas de Estampación na EASD Ramón Falcón de Lugo, que complementou con outro ciclo superior de Ilustración na EASD Antonio Faílde de Ourense. Dende os seus comezos apostou por varias disciplinas, como o gravado e a serigrafía, e emprega diversas técnicas de ilustración tradicional e dixital. Actualmente está aprendendo de xeito autodidacta a arte da tatuaxe para poder plasmar os seus deseños nas persoas.

Esta exposición artística enmárcase dentro do amplo programa de actividades complementarias que veñen organizando ao longo do curso no IES Ramón Caamaño. A pasada semana, o centro acolleu unha xornada de Sensibilización ó problema da xordeira e a introdución á linguaxe de signos (LSE), organizada polo departamento de Língua Castelá e Literatura. Participaron alumnos de 3º e 4º curso da ESO, e Isabel e Eva, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), foron as encargadas de conducir a actividade en sendos grupos.

Ademáis da sensibilización do problema concreto da xordeira, o alumnado iniciouse de forma práctica aprendendo a signar na Linguaxe de Signos. Dende o centro aseguran que foi “unha grande oportunidade para que o alumnado coñeza de primeira man a problemática da xordeira e vira as grandes posibilidades que ten a comunicación a través desta lingüaxe”.

27 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.