Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo activa todos os servizos para a temporada de baño nas praias

O Concello de Carballo xa ten a punto todas as súas praias para unha nova temporada de baño e, a partires da fin de semana, disporán tamén de servizos de salvamento e socorrismo.

Coincidindo co inicio do mes de xuño empezou tamén a temporada alta para o servizo de limpeza de praias de Carballo, do que se encarga un equipo da empresa Acciona Servicios Urbanos composto por cinco persoas. O contrato, vixente dende o verán do 2020, inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís...), así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas...), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no mesmo porto de Razo.

A intensidade dos labores de limpeza varía en función da época do ano. Na actual temporada alta, que abrangue do 1 de xuño ao 15 de setembro, os traballos realízanse a diario. Tamén será diaria a limpeza das casetas dos postos de vixilancia, que estarán operativos a partir desta fin de semana, mentres que no local de Protección Civil realizarase semanalmente. A empresa conta tamén cunha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos.

Por outra banda, este venres tomaron tamén posesión os primeiros integrantes do equipo de salvamento e socorrismo que traballarán durante os próximos tres meses nas praias carballesas. O servizo empezará a funcionar esta fin de semana, aínda que con menos profesionais dos que había previstos. Para intentar completar o equipo, este mesmo venres publicouse no Boletín Oficial da Provincial (BOP) o anuncio da segunda convocatoria de cinco prazas. As persoas interesadas dispoñen de cinco días naturais, do 11 ao 15 de xuño, ámbolos dous incluídos, para presentar as solicitudes.

EXCELENCIA. As cinco zonas de baño nas que está dividido o litoral carballés acadan esta tempada a excelencia na calidade das augas de baño. Pero na procura desa mesma excelencia en todos os servizos, as praias carballesas volverán a contar cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

Tamén volverá a ondear a Bandeira Azul nos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, e a Senda do Mar Razo-Baldaio poderá presumir un ano máis do distintivo Sendeiro Azul.

Sinalar que no espazo delimitado como protexido, que se corresponde coa zona dunar de Baldaio, non haberá cobertura do servizo de socorristas, e alertan ademais que se trata dunha franxa perigosa para bañarse, tal e como se recolle na directiva que segue vixente na tempada de 2022.

11 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.