Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 27 noviembre 2022
02:17
h
25-N. Incorporan inicialmente ós establecementos que funcionan en horario nocturno // Camariñas sumouse ao sistema Vioxen de protección policial para mulleres // En Vimianzo rematou a primeira xira polas escolas da Maleta Viaxeira TEXTO J. M. Ramos

Carballo impulsará unha rede de puntos seguros contra a violencia de xénero

Co obxectivo común de traballar para acabar coa violencia de xénero, institucións, asociacións e cidadanía da Costa da Morte seguen a impulsar iniciativas cando se achega o 25-N. En Carballo, ante a crecente inquedanza social que provoca a sucesión de actos violentos contra as mulleres que se producen nos ámbitos de ocio ou a escalada de agresións por submisión química, a concellaría de Igualdade, Benestar e Sanidade impulsou a creación dunha rede de puntos seguros nos que, no caso de precisalo, calquera persoa poida atopar axuda de inmediato.

“Queremos espazos seguros para desfrutar do noso tempo de lecer”, afirman, e nesta primeira fase orientaron a creación da rede a establecementos e servizos que funcionan en horario nocturno, como hostalaría, taxis e farmacias. Os locais que queiran sumarse deben enviar un correo electrónico a carballoenrede@carballo.gal (indicando no asunto “ocio seguro”). Dende o Concello de Carballo ofreceráselles formación específica en igualdade, violencia de xénero, pautas e protocolos de actuación ante casos de violencias machistas, actos violentos contra persoas do colectivo LGTBQ+, entre outros. Ao remate da formación recibirán unha identificación como establecemento adherido á rede Punto seguro.

A concelleira de Igualdade, Maica Ures, agradeceu a boa disposición amosada pola Asociación de Hostalaría e agarda que neste mes de novembro se materialicen as primeiras adhesións á rede para poñela en marcha de xeito efectivo no vindeiro 2023. Paralelamente, e como vén sendo habitual arredor do 25N, o Concello de Carballo fai un chamamento ao comercio local para axudar a visibilizar o rexeitamento da cidadanía á violencia de xénero. Este ano continuarán coa campaña que leva por epígrafe En que punto estás contra a violencia de xénero?

Pola súa banda, en Camariñas, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a alcaldesa, Sandra Insua, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina, asinaron na Xunta Local de Seguridade o protocolo de adhesión do Concello de Camariñas ao sistema Vioxen de protección policial de mulleres vítimas de violencia de xénero. Este é o paso previo á firma definitiva que realizarán proximamente a alcaldesa e o secretario de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior para facer efectiva a participación do municipio neste operativo.

Con Camariñas, son xa dezasete os concellos da provincia da Coruña que se incorporaron ao sistema Vioxen, “pasando de tres a 17 nos últimos catro anos”. Neste sentido, a subdelegada quixo animar aos concellos que aínda faltan a unirse e asinar este tipo de protocolo para así conseguir mellorar o nivel de protección das mulleres na provincia.

“Incorporar aos municipios a este sistema é sumamente importante; a administración local é a máis próxima á cidadanía e, por tanto, as policías locais teñen un maior coñecemento das mulleres que son vítimas de violencia machista nos seus municipios e, con esa información, entre todas as administracións poderemos actuar dunha maneira máis coordinada e eficaz”, afirmou.

María Rivas indicou que “neste momento son 1.936 as vítimas de violencia de xénero con casos activos na provincia, 10 no Concello de Camariñas, unha cifra que demostra a importancia destes sistemas”.

En Vimianzo, a Maleta Viaxeira, Mavi, finalizou o seu percorrido na Escola Unitaria de Carnés, cuxo contido foi dado a coñecer aos nenos e nenas pola axente de Igualdade, Xiomara Lazo, e a concelleira vimiancesa de Cultura, Rosa Blanco.

18 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.