Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo realza a figura do dramaturgo e poeta Xesús San Luís Romero

Coincidindo co 150 aniversario do seu nacemento, Xesús San Luís Romero volveu a ser protagonista en Carballo. Aínda que a súa presenza na vila é permanente a través da rúa e do colexio que levan o seu nome, dende o Concello queren celebrar esta efeméride “tan redonda”, como dixo o alcalde, para poñer en valor a súa figura e a súa obra cunha serie de actividades que se desenvolverán ao longo do curso en colaboración co CEIP Xesús San Luís Romero. A primeira tivo lugar este venres na rúa da Saúde, ao pé da casa na que naceu.

Con máis de cen persoas no público, a música da Banda Municipal de Gaitas, dirixida por Suso Moreira, interpretou dúas pezas para introducir a intervención do cronista carballés Xan Fraga Rodríguez. “Setembro é o mes de Xesús San Luís Romero”, dixo, porque naceu o 9 de setembro de 1876, casou o 8 de setembro de 1900 e morreu o 22 de setembro de 1966. Noventa e catro anos nunha época na que esperanza de vida roldaba os corenta, un dato que Xan Fraga aproveitou para unha brincadeira vinculando esa lonxevidade ao feito de ter nacido na rúa da Saúde.

Despois de facer un detallado repaso polos feitos máis destacados da longa vida de San Luís Romero e pola súa obra, Fraga agradeceu a iniciativa do Concello de Carballo e fixo un chamamento á publicación das obras completas do autor.

O alcalde, Evencio Ferrero, tomou a palabra de seguido para amosar a súa satisfacción por este «encontro da comunidade carballesa para lembrar a fillos ilustres», e lamentar que, por atoparse de viaxe, nesta ocasión non puidesen acompañalos os familiares de San Luís Romero.

O colexio, que estivo representado no acto pola súa directora e outros membros do claustro, alumnado e familias, acolle xa unha exposición que fai un percorrido pola vida e a obra do ilustre dramaturgo e poeta.

Evencio Ferrero destacou o gran traballo que se realiza cada ano no colexio, que é unha referencia polas numerosas iniciativas de promoción cultural que leva a cabo, "e que este curso, sen dúbida, volverá a selo", afirmou.

11 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.