Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo tramitou máis de oitenta licenzas de naves do polígono en cinco anos

Dende o goberno local insisten na necesidade de axilizar o plan de ampliación // Actualmente só hai catro parcelas dispoñibles

Dende que no ano 2011 se presentaron as primeiras solicitudes de licenza para a construción de naves na segunda fase do polígono industrial de Bértoa (Carballo) lévanse tramitados 125 proxectos empresariais, pero case o 70% concéntranse nos últimos cinco anos.

Así, no período 2017-2021 pasaron pola Oficina Técnica Municipal 86 solicitudes de licenzas para a construción de naves industriais, 13 delas no pasado ano 2021. “As cifras correspóndense co elevadísimo nivel de ocupación e de actividade que ten o parque empresarial de Bértoa, no que só quedan 4 parcelas dispoñibles”, lembran dende o Concello carballés.

O polígono da capital de Bergantiños continuou tamén no 2021 á cabeza de Galicia en venda de solo e, en consecuencia, de actividade urbanística. Carballo é un destino escollido por empresas de todos os sectores. Entre as trece solicitudes de licenza presentadas o ano pasado figuran empresas dos ámbitos agrogandeiro, da construción, a alimentación ou a fabricación de distintos elementos.

Cunha superficie dun millón de metros cadrados, o parque empresarial de Carballo ten practicamente esgotado o solo, á espera de que se desenvolva o proxecto sectorial correspondente á terceira fase, que permitiría poñer no mercado outros 554.000 metros cadrados “e evitar que cada vez máis empresas opten por implantarse noutros concellos por non ter parcelas en Carballo”, sinalan dende o goberno local.

Aseguran que o concello carballés “é, historicamente, o centro empresarial e comercial de todo o ámbito da Costa da Morte. E así o confirman non só as naves que van enchendo cada día máis o polígono de Bértoa, senón tamén a actividade que se desenvolven fóra do parque empresarial”.

Despois do baixón que se rexistrara no período 2012-2016, nos últimos cinco anos repunta a actividade comercial, como se desprende dos datos de comunicacións previas de inicio de actividade tramitadas na Oficina Técnica Municipal. Nos últimos cinco anos presentáronse 376 solicitudes para a posta en marcha doutros tantos negocios, 61 deles no 2021.

SERVIZOS. Por outra banda, o Concello carballés segue avanzando no plan para estender a rede municipal de auga potable a todo os lugares. O proxecto Anllóns-Bardoso foi a primeira peza do referido plan, que foi deseñado para garantir, no horizonte do ano 2030, o abastecemento de auga a todos os núcleos de poboación de máis de cincuenta habitantes e tamén ao polígono industrial de Bértoa. Grazas ao investimento realizado no seu momento, máis de catro millóns de euros subvencionados nun 70% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), foi posible empezar a estender a rede por todo o territorio.

A Xunta de Goberno Local adxudicou este luns o proxecto de conexión do depósito de Seixo Branco coa ETAP do Río Anllóns. A obra, que será executada pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 132.289,47 euros, permitirá conectar os dous depósitos dos que bebe a rede municipal, de xeito que, en caso de necesidade, se poida bombear auga dun a outro, segundo informan dende o Concello carballés.

18 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.