Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Galardóns. A artesá zaense fíxose co primeiro premio na modalidade tradicional cun vestido de noiva realizado en liño // Na categoría contemporánea a distinción da Deputación foi para a ceramista coruñesa Verónica Moar TEXTO Manuel Lavandeira

Carmen Riveiro gaña a catorce edición do Premio Antonio Fraguas de Artesanía

A Deputación da Coruña vén de fallar os premios da catorce edición do Certame Antonio Fraguas de Artesanía, que nesta ocasión recaeron en Carmen Riveiro, de Zas, na modalidade tradicional, por un vestido de noiva realizado en liño, e en Verónica Moar, da Coruña, na modalidade contemporánea, por unha composición de dúas pezas en gres e cerámica.

A proposta de Carmen Riviero, que é a presidenta da Asociación de Amigos do Liño, ten por título Vestido de noiva en tres versións, e o xurado salienta no seu informe “a orixinalidade do feito de combinar dúas técnicas tradicionais: o tecido en tear de baixo lizo do vestido e o pantalón, e o encaixe de bolillos feito con liño do veo e o chaleco”. A creación combina unha serie de prendas que compoñen varias versións dun mesmo traxe de noiva, segundo se use o pantalón ou a sobre-saia, o que foi cualificado polo xurado “como unha composición de pezas moi versátil e moderna, xa que se trata dun conxunto de pezas evolutivo que pode irse modificando, permitíndolle moitas aplicacións”.

Esta é a segunda vez que Carmen Riveiro gaña o Premio Antonio Fraguas de Artesanía, pois xa en 2006 levara o primeiro premio pola peza Chal de liño. Ademais recibiu tamén unha mención especial noutra edición por unha sombrilla de encaixe con fío de liño. A súa traxectoria está estreitamente vinculada á recuperación do traballo desta planta, desde a semente ata a confección de todo tipo de prendas. Conta coa carta de artesá de tecido desde fai máis de 25 anos e, ademais de elaborar pezas en liño con diversas técnicas, leva realizado un importante traballo de difusión e recuperación da cultura e da historia relacionada con esta herbácea e todos os procesos que conleva. Ten participado en diversas exposicións por todo o país e na actualidade segue a traballar co seu equipo no castelo de Vimianzo.

“Fíxome moita ilusión este novo premio, sobre todo porque teño 74 anos e non é moi habitual que se valore o traballo da xente maior”, afirma Carmen, quen asegura ademais que “atópome con forza e gañas de seguir facendo cousas novas e teño a sorte de que estamos traballando moito”. Agarda ademais que este recoñecemento sexa un acicate para que “a xente nova continúe por este camiño medio aberto da artesanía do liño”.

Pola súa banda, da proposta de Verónica Moar, que leva por título Lo que contiene, o xurado valorou “o feito de que se trata dunha peza na que destaca o seu acabado e o dominio das técnicas utilizadas: torneado, modelado a man, e reprodución por colada”. Trátase dunha escultura en pequeno formato que, segundo explica a autora na memoria que presentou, “nos conduce a unha paisaxe que se desintegra e distorsiona, que se desfigura e restaura, onde o xeolóxico, o telúrico e o sísmico adxectivan de maneira elocuente a obra”. Consta de dúas pezas, unha grande realizada en gres, con modelado á man e esmalte en branco con cristalizacións, e unha pequena de porcelana, reproducida por colada e decorada á man con óxidos.

Verónica Moar (1978), como ceramista, traballa a arxila ou a porcelana expandindo as súas posibilidades en campos como a escultura, a performance e a danza contemporánea. Tomando como punto de partida unha técnica depurada, o traballo manual, o respecto polo oficio e unha coidada selección do material, a súa obra caracterízase por un matiz poético e narrativo, mais tamén por abrir vías á experimentación creativa desde o deseño e os procesos artesanais. A súa obra tense amosado en exposicións a nivel nacional e internacional.

O xurado do certame estivo composto por Elena Bangueses Buceta, Carla Canedo Martínez, Idoia Cuesta Alonso, Elena Ferro Lamela e Lidia Nieves Domínguez, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Actuou como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

25 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.