Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Melchor, Gaspar e Baltasar xa visitaron Zas e chegan hoxe en barco a Camariñas // En Ribeira desfilan en plataformas móbiles // Sen doces nin recepción en Melide TEXTO S.S.-J.M.R.

Carrozas e pirotecnia no litoral de Área para recibir aos Reis Magos

Con todas as medidas e precaucións fronte á covid, pero cargados de agasallos coma sempre, os Reis Magos teñen xa programada unha apretada axenda para este mércores na costa de Área de Compostela.

Así, en Ribeira, o Bus Real estará todo o día, dende as 10.00 horas, percorrendo as parroquias. Os reis estarán acompañados dos seus paxes, que entregarán rifas ós nenos para o sorteo dun agasallo. A cabalgata sairá ás 18.00 do recheo do Malecón para seguir polas avenidas García Bayón e Carolinas. A comitiva formarana once carrozas de personaxes infantís. Non lanzarán caramelos. Na Pobra falarán por videochamada de 11.00 a 13.00 cos cativos inscritos que están confinados pola covid. Ás 14.45 visitarán en vehículos as parroquias, con saída da Corna e chegada ás 18.00 á Praza Maior, onde recibirán ós nenos de xeito ordenado (é preciso rexistrarse).

Xa en Boiro, sairán de Lampón en catro carrozas ás 17.00. Non farán paradas e non lanzarán caramelos. Farán unha recepción na Praza da Boqueira de A Negral e outra en Escarabote, con acceso controlado. En Rianxo, de 11.30 a 14.30 visitarán Isorna, Leiro, A Martela e Atalaia, e de 16.30 a 190.30, Asados, Araño, Taragoña e centro de Rianxo. O percorrido iniciarase en O Son ás 10.00 en Miñortos, e seguirán por Portosín, Nebra, Noal, Baroña, Queiruga, Caamaño, Xuño, San Pedro e O Son. Tamén irán polas parroquias en Noia, comezando por Roo ás 10.00. Haberá recepción no claustro do concello ás 17.30. En Muros a recepción será na igrexa paroquial de cinco a sete, e en Lousame na casa da cultura, en quendas de 10 minutos, de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00.

Na Costa da Morte xa se deixaron ver este martes por Zas, onde comezaron o seu percorrido por todas as parroquias. Completarán a súa xira este mércores, entre as 10.00 e as 18.00 horas. Ao longo do día visitarán tamén o resto dos concellos. Tamén pasaron por A Laracha, onde continuarán este mércores o seu periplo a partir das 11.00 horas. Chegarán á capital local ás 18.30 horas e rematarán o pecorrido na Praza do Concello. En Muxía presidirán unha cabalgata inspirada no antigo Exipto, con máis de 150 quilómetros de ruta. Chegarán sobre as 19.30 h. ao porto muxián, onde serán recibidos cun espectáculo pirotécnico, e despois ofrecerán unha recepción aos pequenos na Sala da Camposa (20.15).

En Cee tamén percorrerán as parroquias, e a recepción terá lugar no Museo Fernando Blanco, as 17.00 horas. Despois comezará a cabalgata polas principais rúas ceenses co acompañamento dos vehículos de Obras e Servizos Municipais, Policía Local, Protección Civil e o camión do Parque de Bombeiros Comarcal. Na vila veciña de Corcubión, desde as cinco da tarde percorrerán todas as aldeas do Concello e o casco urbano, rematando sobre as 19.00 horas na igrexa parroquial de San Marcos. A carroza real irá acompañada dun espectáculo de luces e música durante o seu percorrido urbano.

A Camariñas chegarán por mar, e serán recibidos ás 11.00 no porto pola alcaldesa, Sandra Insua. Despois percorrerán as rúas da capital local, A Brea, Arou, Camelle, A Ponte do Porto e Xaviña, antes de regresar, ás 19.00, á vila dos encaixes. En Vimianzo está previsto que comecen o seu itinerario ás 10.30 no salón parroquial de Castromil (Salto) e despois percorrerán as catorce parroquias e rematarán cun roteiro polas rúas da capital de Soneira.

Os nenos e nenas de Carballo non só poderán desfrutar da visita dos Reis Magos a pé de rúa, a partir das 17.30 horas, senón tamén seguir a cabalgata en streaming a través das redes sociais e da plataforma www.carballoenrede.com. Este ano tampouco haberá recepción persoal pero si virtual, á que xa se apuntaron máis de cen nenos e nenas. E en Malpica recibirán primeiro a visita do Carteiro Real ás 11.5 horas, quen partirá de Buño, e despois das Súas Maxestades, que irán a Telleira, Cantalarrana, Xaveiña, Santa Catalina, O Empalme e rematarán na capital, co pasarrúas Folión do Zampón (18.45 h.). En Cabana, os Reis estarán dous días (5 e 6 de xaneiro).

No interior. En Melide non haberá recepción: a Cabalgata partirá da Ronda de Pontevedra ás 18.00 horas, e os Reis non se deterán nin tirarán doces. O Concello pide á veciñanza que se distribúa ao longo de todo o percorrido de forma uniforme, gardando a distancia.

05 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.