Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cartel de luxo para o Nazareno, con tributos a Raffaella Carrá e a Queen

Un festival de DJ’s reunirá na Praza Alcalde Segundo Durán a Del Puerto, Adri Martínez, G Face, Traffic House e Rokiño

A comisión organizadora do Nazareno da Pobra do Caramiñal, que preside José García, preparou un cartel de luxo para as catro xornadas dunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia e que recupera a normalidade previa á pandemia e con propostas para todos os públicos.

O pregón dende o balcón do consistorio, a cargo de Protección Civil, marcará o inicio das festas este venres 16, ás 21.00 horas, para continuar co espectáculo Ciao Raffaella (tributo a Raffaella Carrá), que se ofrecerá na Praza Alcalde Segundo Durán.

Logo de pasada a medianoite, a banda local Moito!! iniciará o seu concerto no Cantón da Leña, mentres que a actividade regresará á nomeada praza coa Macro Disco Chocolate na madrugada.

O programa do sábado 17 comezará coa animación de rúas a cargo de Latexo, mentres que as cores encherán as pistas deportivas do Castelo pola tarde coa festa Holi. É importante levar vestimenta de cor branca e farase entrega dunhas lentes e pigmentos en distintas tonalidades.

A música converterase na gran protagonista da noite co tributo Remember Queen e A Pobra DJ Fest, presentado por Jorge Ramón Web, cos DJ’s Del Puerto, Traffic House, Adri Martínez e Rokiño, ademais de G Face como artista convidado. As dúas citas serán na céntrica Praza Alcalde Segundo Durán.

PROCESIÓN. A localidade pobrense espertará o domingo 18 coa música tradicional galega da man da Agrupación Musical do Rosal, Buxaina, Xiada e O Son do Pote. A tradicional procesión votiva das mortallas (instaurada por un alcalde do século XV) sairá ás 10.30 horas da igrexa de Santiago do Deán, acompañada dunha multitude de fieis e para a que, polo de agora, hai confirmada a participación de catro cadaleitos. Unha vez finalizada a comitiva oficiarase unha misa cantada no templo.

O folclore continuará pola tarde con ruadas e dúas sesións musicais na alameda: Xilbarbeira e Agrupación Musical do Rosal. Xa pola noite será a quenda da charanga N.B.A. polo núcleo urbano e da verbena con Alianza e New York na citada praza.

As alboradas da Banda de Música Municipal de Vilanova, Os Chaneiros, Xiada e O Son do Pote anunciarán o derradeiro día de festexos, o luns día 19. Estas agrupacións serán as encargadas de marcar o ritmo da xornada para dar paso á orquestra Olympus e á espectacular sesión de fogos artificiais.

delegribeira@elcorreogallego.es

16 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.