Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A xenebra incorpora ingredientes como a uva albariña para a súa base alcohólica e ata seis elementos botánicos silvestres propios de Galicia // O envase transmite tradición e referencias locais como a cerámica de Sargadelos TEXTO Claudina Estévez

Casa Nordés: potencia talento e produto da terra en Vedra

Este martes inaugurouse en Vedra Casa Nordés, un novo espazo concibido para potenciar os produtos locais e recoñecer o talento e os valores tradicionais galegos. No acto participou o conselleiro do Medio Rural, José González, quen destacou que Galicia se identifica sempre “co concepto de calidade, en todos os ámbitos, pero especialmente no eido alimentario” e que a nosa comunidade goza de recoñecido prestixio, tanto no terreo nacional como internacional, pola calidade dos seus produtos do mar e da terra.

González puxo en valor o “innegable vencello” desta bebida co mar galego, o deseño do seu envase, inspirado na tradición e en referencias como a cerámica de Sargadelos, así como o seu nome que, dixo, relembra un vento “bravo, potente e propiamente galego”. Nesta mesma liña, o conselleiro loou o carácter “atlántico” deste produto e enmarcouno no concepto de Dieta Atlántica, unha “sabia combinación de ingredientes propios destas latitudes que, entre outras cousas, son fonte da proverbial lonxevidade das nosas xentes”, remarcou González. Así, afirmou que produtos tan atlánticos como a pataca, os froitos do mar ou os grelos fornecen esa despensa que tamén pode integrar referencias como esta xenebra, “sempre partindo da premisa dun consumo responsable”, dixo.

En conclusión, José González explicou que “a calidade e a vinculación co territorio” (como ocorre cos viños e augardentes galegos) definen este produto e recordou que a calidade é, precisamente, un dos grandes referentes das políticas da Xunta a prol do rural. Así, referiuse a fitos como a creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, unha entidade de impulso á calidade diferenciada dos nosos produtos, ou aos traballos para a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, que “marcará un antes e un despois na defensa, fomento e promoción das nosas producións do agro e do mar”.

Engadiu ademais que a Xunta destina importantes recursos e esforzos á promoción de toda esta riqueza alimentaria e en particular das 36 referencias de calidade diferenciada con que conta Galicia, unha das comunidades con máis selos deste tipo, destacou o conselleiro.

José González reafirmou ademais a aposta do Goberno galego polo I+D+i, a formación e a transferencia de coñecementos ao agro e vinculou esta filosofía da innovación co xurdimento desta xenebra Nordés. O titular de Medio Rural rematou a súa intervención reiterando o compromiso da Xunta a prol dun sector, como o agroalimentario, “que xera economía e riqueza na nosa terra”. Deste xeito, lembrou que este eido representa arredor do 7% do PIB galego e xera máis de 100.000 postos de traballo.

INGREDIENTES A uva albariño crea un aroma suave con notas frutais e de flores brancas. Macéranse por separado once elementos botánicos, entre os que destacan seis silvestres galegos: salvia, laurel, herbaluisa, eucalipto, menta piperitae unha planta mariña, a salicornia, que lle outorgan o seu aroma balsámico. Tamén incorpora 5 botánicos de ultramar: o enebro, o xenxibre, o cardamomo, a flor de hibisco, e o té negro, que aporta notas de equilibrio ao sabor.

O PROTAGONISTA
“Galega e ao tempo universal”
José González
Conselleiro do Medio Rural

José González engadiu que a despensa galega abrangue unha amplísima gama de produtos, dende os máis básicos e de primeira necesidade, empezando pola auga ou o pan, ata chegar aos máis “sofisticados”. Neste segmento incluíu as sobremesas e os augardentes e licores tradicionais e tamén bebidas espirituosas que combinan a tradición galega coa modernidade e que, en gran parte a base de produtos autóctonos, “transcenden o noso territorio e fanse internacionais”, apuntou.

Neste contexto, o conselleiro do Medio Rural definiu Nordés como unha xenebra “xenuinamente galega e ao tempo universal”, considera. Así, sinalou que a súa galeguidade vén dada porque incorpora ingredientes como a uva albariña para a súa base alcohólica e ata seis elementos botánicos silvestres propios da nosa terra, entre eles o loureiro ou plantas mariñas.

{ A OLLADA }
A nosa esencia
Claudina Estévez

Tal e como din os creadores da xenebra na súa web, a orixe está nunha reunión de amigos fronte a un prato de polbo. Foi así como decidiron crear unha xenebra galega, distinta das demais por conter ingredientes da nosa terra. Tras varias probas deron coa fórmula que logrou capturar a esencia de Galicia. Produtos deste tipo son, dende logo, un gran reforzo do talento e da calidade dos nosos produtos. E é que todo nesta xenebra lembra inmediatamente a nosa terra, incluso o propio envase, que está inspirado na tradición e no que se intúe a cerámica de Sargadelos. É, asemade, unha boa nova que o conselleiro José González reafirmase o apoio da Xunta co sector agroalimentario, que xera unha gran riqueza na nosa comunidade.

21 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.