Catro cócteles para apreciar
a caña de Valga con matices
Os showcookings do programa Agosto Gastronómico abandonaron por un día os fogóns para facer unha incursión no mundo da coctelería con María Rey como mestra de cerimonias, elaborando catro cócteles de autor que deseñou especificamente para esta cita coa XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga.
Empregou as augardentes brancas, de herbas e tostada gañadoras da última edición do Concurso Tradicional da Caña do País e destacou, durante a demostración, a calidade destes licores artesanais, o que abre as portas a combinacións e maridaxes practicamente ilimitadas con outros moitos sabores.
María Rey é especialista en servizos de restauración dedicada á formación de profesionais do sector e á coordinación de eventos en toda Galicia. Dende hai máis de dúas décadas é tamén docente nas escolas de hostalería públicas dependentes da Consellería de Educación e ten traballado en multitude de eventos e bar shows. No ano 2015 resultou gañadora, ademais, do campionato de gin tonics de autor.
Para a degustación, que tivo lugar este domingo ao mediodía no Centro de Interpretación da Caña, preparou catro cócteles que permitiron aos asistentes apreciar a caña de Valga con diferentes matices e intensidades. Dous dos combinados elaboráronse con caña branca. Foi o caso de Pomelo branco, no que o mel, ginger ale e zume de pomelo acompañaban á augardente; e Cereixas con branca, cun proceso moito máis técnico, no que as cereixas, froitos vermellos e hibisco se deixaron macerar na caña. A saborosa mestura resultante combinouse con limón e tónica e xarope de hibisco.
As outras dúas elaboracións incluíron as variedades de herbas e tostada da caña. En Herbas e mazás os ingredientes empregados, ademais da augardente, foron puré de mazá, zume de lima, xenxibre e escuma de Albariño. A degustación rematou co cóctel Tostada con cacao, para o que se deixaron reducir en barrica a caña, viño Pedro Ximénez, xarope de arce e bitter de cacao.
Esta é a cuarta participación de María Rey na Festa da Anguía e Mostra da Caña, e o vindeiro sábado, día grande das celebracións, estará de novo no Parque Irmáns Dios Mosquera preparando outros cócteles que poderán adquirirse ao prezo dun euro.
PROGRAMA. A festa máis agardada de Valga continuará este mércores co showcooking Universo Anguía no Centro de Interpretación da Caña do País, ás 21.00 horas. Ao día seguinte, ás 20.00 horas, desenvolverase unha precata do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña. A continuación, farase o sorteo dos vales de compra da Ruta Tapa a Anguía. Xa o venres 26 terá lugar a presentación da botella conmemorativa da Mostra e a cata final do Concurso Tradicional.
O sábado virá ben cargado: ruta de tapas, festa infantil, pregón de Anxo Rodríguez Lemos, entrega de premios, degustacións e música, entre outras propostas. O domingo acaba a festa co tapeo.