Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Artesanía. As Nemanquiñas volveron a xuntar encaixeiras de toda Galicia e de Cantabria // Exhibiron o seu arte ao tempo que intercambiaron experiencias e ideas // Carballo acolleu tamén un mercado de mulleres artesás TEXTO J. M. Ramos

Catrocentas palilleiras teceron arte con bolillos en Vimianzo

Vimianzo acolleu este sábado a catrocentas artesás do encaixe de toda Galicia e tamén algunhas chegadas desde Cantabria co fin de amosar o seu arte e de volver a encher co son dos bolillos o pavillón da capital de Soneira, dous anos despois da última xuntanza organizada pola Asociación As Nemanquiñas.

Nesta catorce edición participaron palilleiras chegadas de puntos tan diversos como Viveiro, Sarria, Lugo, Vigo, Cambados, Vilanova de Arousa, Tui, O Porriño, Vilagarcía de Arousa, a Ribeira Sacra, A Coruña, Boiro, Valga, Ferrol, Fene, Neda, Ames, Betanzos, Paderne, Arteixo, Coirós, Noia, Porto do Son, Oleiros, Cariño, Valdoviño, Esmelle, Abegondo, Camariñas e unha representación de Cantabria, que compartiron xornada coas artesás de Vimianzo.

Ao longo de todo o día teceron arte cos seus bolillos e amosaron o seu bo facer a todas as persoas que se achegaron ao polideportivo vimiancés para disfrutar do encaixe. A vicepresidenta das Nemanquiñas, Mercedes Lema, asegurou que o obxectivo destas xuntanzas “é unir os intereses de todas as encaixeiras coa finalidade de promover a nosa artesanía. Ao mesmo tempo que exhibimos os nosos traballos tamén intercambiamos experiencias e ideas”, engadiu.

As alcaldesas de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e de Camariñas, Sandra Insua, ademais da deputada provincial Sandra González, e de concelleiros de todos os grupos da Corporación local sumáronse ao acto inaugural do encontro, e fixeron entrega a todas as participantes dun pequeno agasallo. A rexedora local asegurou que “é un orgullo poder volver a vernos despois de todo o que levamos pasado”, ao tempo que loubou a gran labor que vén facendo a Asociación As Nemanquiñas.

Pola súa banda, a deputada Sandra González, sinalou que “a Deputación aposta polo densenvolvemento da artesanía; é o noso deber apoiar a todos os artesáns e artesás da provincia, e neso estamos”.

Non só a capital de Soneira foi punto de encontro artesanal, xa que Carballo tamén acolle esta fin de semana o Mercado de Mulleres Artesás, no que se dan cita unha completa representación da artesanía galega: coiro, bixutería, olería, roupa, xoiería, macramé, complementos, artesa plásticas, encaixe....

O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor e reivindicar o gran labor que levan facendo dende sempre as mulleres artesás, e tamén ver como as novas xeracións seguen tomando o relevo destas profesións adaptándose aos novos tempos.

Quenes desexen contemplar o bo facer destas mulleres aínda poden facelo este domingo, de 12.00 a 21.00 horas na planta alta do mercado municipal carballés. Alí están Recuncho de Cucadas, La chapera, Waves, Notebooks, Encaixes Lucita, Pampillo Store, Fento do Vento, Susana Bermejo, Longa Vida Handmade, Zeltia o Aire, Brazolinda, Pasamarela, Davana, Galiaromas, María Viqueira, Ana Freiría Orfebrería, Yasmina García, Jerolas, Las Cositas de Grey, La Madrina de Candela, Vivo Macramé, Isabel Andrade, Rakelúa, Marilá, Cristina Blanco, Redeiras Artesás, Trenzarte, Mercedes Moura, Miña Mena, Conecta, Musical JR e as artistas locais Nere Rama, Isa Fernández e María Barca.

A cita complementase con numerosas actividades paralelas: exposicións, proxeccións, actuacións musicais, obradoiros, e un recuncho solidario reservado para a tradicional campaña de recollida de xoguetes novos e alimentos non perecedoiros da Cruz Vermella de Carballo.

“Agardamos poder vernos o vindeiro ano”

Mercedes Lema, vicepresidenta da Asociación As Nemanquiñas, de Vimianzo, agradeceu a numerosa presenza de artesás, un ano máis, “pois sen elas non se podería celebrar esta xuntanza”. Salientou o apoio que o colectivo e esta artesanía do palillo están a recibir por parte do Concello, da alcaldesa e de toda a súa Corporación, así como da Deputación da Coruña, e de todos os postos de venda que se deron cita no encontro. Desculpou a ausencia da presidenta da asociación, Lourdes Lema, “por motivos familiares” e expresou o seu desexo de que “poidamos volver a xuntarnos e celebrar este encontro o vindeiro ano”.

14 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.