Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cee e Corcubión disporán dunha rede de saneamento mellorada en un ano e medio

Está previsto que os traballos comecen a vindeira semana // A Xunta investirá máis de oito millóns de euros // A nova instalación permitirá eliminar os vertidos á ría

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, avanza nos traballos previos para iniciar as obras de mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e Corcubión, que suporán un investimento de máis de 8 millóns de euros.

Este xoves técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria mantiveron unha reunión de traballo coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, para abordar a organización das obras, que está previsto que comecen na vindeira semana, segundo indicou a rexedora.

Trátase de executar os traballos impulsados pola Xunta para solucionar as deficiencias que presentan na actualidade as redes de saneamento municipal de Cee, redundando na mellora da calidade das augas desta ría. O contrato foi adxudicado á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A. e o prazo de execución é de 18 meses.

Estas obras conforman a primeira fase das intervencións proxectadas pola Xunta ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión e están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 2014-20.

Vai ser esta unha actuación deseñada por Augas de Galicia a partir dun estudo previo que constatou deficiencias nos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.

Estes problemas severos da rede de saneamento de Cee, ademais de provocar eses vertidos aos ríos, tamén causan que a praia urbana teña habitualmente indicación de prohibición do baño e prexudican, ademais, a actividade dos profesionais do mar.

Para solucionar estes problemas as obras que se van realizar comprenden a renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río; a construción dun tanque de tormentas e tamén a execución dun colector que substituirá o bombeo das Monxas e que conducirá as augas ata o tanque de tormentas e cara á depuradora.

Habilitarán, igualmente, un by-pass e un colector de vertido, que permitan que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas; e construirase un novo bombeo ata a depuradora desde o tanque de tormentas.

Esta actuación, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, achegará valor engadido ao municipio, coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo.

Augas de Galicia tamén está a redactar o proxecto de construción da nova depuradora, que se executará na segunda fase das actuacións proxectadas no referido plan.

23 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.