Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cee seguirá a reivindicar a figura de Domingo Antonio de Andrade

Os membros da Real Academia Galega de Belas Artes honraron ao arquitecto celebrando o primeiro plenario na súa vila natal

Cee viviu este sábado un dos seus días grandes, no que lembraron e renderon homenaxe a un dos veciños máis ilustres: o arquitecto Domingo Antonio de Andrade.

Ata a vila da Xunqueira desprazáronse con tal motivo os membros da Real Academia Galega de Belas Artes para celebrar a primeira sesión ordinaria do curso. A xuntanza tivo lugar na Casa da Cultura e estivo enmarcada nas celebracións do Día das Artes Galegas 2020-2021, decidado a Domingo de Andrade, nado na vila de Cee.

Os académicos foron recibidos pola alcaldesa, Margarita Lamela, quen dixo que “é un motivo de satisfacción para Cee que unha entidade do prestixio da Real Academia Galega de Belas Artes decida homenaxear a quen foi, xunto con Fernando Blanco de Lame, un dos veciños máis ilustres da nosa vila”.

Afirmou ademais que dende o Concello ceense “seguiremos a divulgar e reivindicar a figura dun dos grandes xenios que deu o barroco galego con obras que nos seguen a impresionar máis de tres séculos despois de ter sido realizadas”.

A rexedora subliñou que neste eido divulgativo, a Real Academia “está a facer unha magnífica labor que inclúe como máis recente achega a publicación da obra Domingo de Andrade: xenio e oficio. Recalcou asemade que Cee é unha vila “vencellada históricamente á cidade de Compostela, na que Andrade deixou tan profunda pegada, e está moi ligada ó roteiro xacobeo que chega á fin da terra, sendo ademais este o primeiro lugar onde os peregrinos poden contemplar o mar e o mítico cabo e faro de Fisterra”.

Lembrou ademais que, un mes despois do remate da conmemoración do Día das Artes Galegas, Cee iniciará outro gran acontecemento para a vila: un Ano Santo Xubilar, do 1 de maio de 2022 ao 1 de maio de 2023, xornada esta que culminará coa coronación canónica pontificia da Virxe da Xunqueira, templo no que Andrade foi bautizado e no que deixou a súa obra en dous retablos e a súa lámpara maior, desgrazadamente perdidos logo da queima durante a invasión francesa”.

Despois da sesión plenaria e dun xantar de confraternidade, os membros da Real Academia Galega de Belas Artes visitaron o IES Fernando Blanco e o museo do mesmo nome, acompañados pola alcaldesa, Margarita Lamela; a directora do instituto, Chelo Trillo e polo secretario e técnico do espazo museístico Darío Areas. Tamén visitaron a igrexa parroquial de Santa María da Xunqueira.

23 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.