Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cela pediu que a súa lápida reflicta co musgo galego o paso do tempo

Decidiu nos anos noventa que quería ser enterrado baixo as oliveiras centenarias do cemiterio de Adina // Encargou a un canteiro a súa lousa: de granito e sinxela

A Fundación Camilo José Cela conmemorou o luns, día 17, o vinte aniversario do pasamento do premio Nobel cunha ofrenda floral no Cemiterio de Santa María de Adina, acto que serviu para presentar a programación cultural coa que seguirán revitalizando e poñendo en valor a figura do escritor padronés.

Covandonga Rodríguez, subdirectora da Fundación, asegura que será “unha programación aberta, dinámica, plural e participativa” na que terán cabida exposicións, xornadas académicas, lecturas públicas dos seus libros e outras moitas actividades que teñen coma único obxectivo promover e difundir a figura, a obra e o legado do autor.

Lembra foi o seu desexo ser enterrado no Cemiterio de Santa María de Adina, e así o deixou reflictido nas súas Instrucciones para el día final. “....declaro públicamente mi mejor deseo de fundirme con la tierra en el camposanto que rodea la antigua colegiata en la que fui bautizado....”.

Un cemiterio que, destaca Covadonga Rodríguez, “aparece en moitos dos seus escritos e artigos, onde glosa as súas oliveiras centenarias e onde repousa parte da familia Trulock-Bertorini”.

Así, nunha carta enviada a Rosario Conde escribía: “....Después fui al cementerio. Como no había nadie, me senté en el suelo, sobre la tumba de mi hermana Teresa, con la espalda apoyada sobre el viejo olivo del que tantas veces me has oído hablar. Hubo un momento en que, con los ojos cerrados y ya atardeciendo, me sentí muerto y enterrado en el cementerio de Adina, mi cementerio”.

Cela decidiu xa nos 90 que quería ser enterrado baixo unha desas oliveiras. Xestionou co Arcebispado a sepultura en 1995, e mesmo “fixo varios deseños da mesma -un deles con Luis Caruncho, gran amigo seu-”, sinala a subdirectora da Fundación.

Finalmente, encargou a un canteiro a súa lousa de granito, sinxela, só cunhas letras: “Camilo José Cela Trulock / Marqués de Iria Flavia / 11-05-1916”. O 17 de xaneiro de 2002, cando falecía en Madrid, eses números gravábanse ao lado da data de nacemento, na lousa na que hoxe descansan os seus restos.

“Moitos protestan porque din que parece abandonada”, sinala Covadonga Rodríguez, pero “poucos saben que o escritor coidou ata o último detalle da súa sepultura, incluso deixando encargado o que quería que pasase con ela despois: foi vontade e desexo do Nobel que a súa lápida reflectira, coa degradación da propia pedra e coa presenza do musgo galego, o inescusable paso do tempo”.

“Al escritor se le ha parado su reloj. La orquídea está mustia y reseca, en la mesa contigua. El vaso de “whiskey” está vacío. ¿Cuánto tiempo ha pasado?”, escribía en el artículo Boleros de poéticos nombres, publicado en La Vanguardia en 1950.

Por iso se pregunta “quen somos nós para incumprir a vontade do escritor? Ben é certo que nesta sociedade na que vivimos todo é criticable. Pese a todo, nós desde Iria Flavia e na medida en que poidamos, intentaremos seguir cumprindo os desexos do noso Presidente-Fundador xa que esta institución, hai que recordalo, foi creada en vida polo propio escritor e a súa pegada aínda segue viva en cada libro, en cada estante, en cada espazo, para o noso orgullo e para orgullo de tódolos galegos”, conclúe.

19 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.