Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Concello de Vila de Cruces entregoulles aos comerciantes bolsas de papel coa imaxe de Xela Arias // Zas alberga a mostra itinerante ‘Zoquiñas vermellas’ // A Pobra organiza o luns a Festa da Poesía // Noia fará ofrenda floral TEXTO Ana Pérez

Celebremos que escribimos, lemos e pensamos en galego

Cada vez está máis próximo o 17 de maio, e por conseguinte, a maioría de concellos da área compostelá xa teñen pechadas as programacións; e incluso algúns deles desenvolveron xa algunha que outra actividade con este motivo. E é que ningunha pandemia nos vai impedir ensalzar o noso idioma e a Xela Arias.

O escritor e investigador Rafael Lema, de Ponte do Porto (Camariñas), traduciu ao galego varios dos poemas inéditos que a artista mexicana Frida Kahlo adicou aos seus dous grandes amores españois: Alejandro Finisterre e o pintor catalán José Bartolí; que el vén de sacar á luz logo dun traballo de investigación.

“O galego é así a primeira lingua na que son traducidos estes versos descoñecidos, escritos por ela en castelán”, afirma ao respecto. Este é un fragmento dos adicados ao fisterrán: “Alejandro / búscoche no horizonte ao lado negro da luz. / Aí onde todo sobra, a auga e a vida. / O lado onde a morte palpita e nace. / Ao lado da luz que traspasa noite a noite o mundo e espanta a vida. / Ao lado da luz / que nos quita o nome e o tempo”.

Pola súa banda, o IES Maximino Romero de Lema, en Baio (Zas) acolle ata finais de mes a mostra itinerante Zoquiñas vermellas, símbolo de reivindicación dunha sociedade máis igualitaria. Tamén na vila, a cativada desfrutou co contacontos de Trinke Trinke, que volverá o martes, día 18, ás 18.00 horas. En Cee, hoxe venres, ás 18.00 horas, Pedro Brandariz presentará no Auditorio Baldomero Cores o espectáculo Senlleiras, que dará paso á entrega dos premios do XXX Concurso de Achegamento ó Libro da biblioteca municipal. En Ribeira presentarase hoxe ás 19.00 na Praza do Concello (promovido por Ice Renovación e coa colaboración do goberno local) a tradución ó galego da biblia infantil. O Concello da Pobra organizou novas actividades para o luns. No Cantón da Leña, ao mediodía, terá lugar a Festa da Poesía, consistente na lectura dunha serie de poemas da homenaxeada. Ás 19.00 horas ofrecerase no Teatro Elma a proxección do filme Lúa vermella. Para esta última cita requírese a inscrición previa de balde chamando ao número de teléfono 685 571 058.

E en Boiro, a Biblioteca Safo do IES Espiñeira celebrará as Letras Galegas cun concurso de relatos breves. O venres 21 visitará o centro Héctor Cajaraville, presidente do xurado de dito certame, e haberá unha gala con diversas actuacións para revisitar o panorama literario galego contemporáneo.

En Noia, a concellería de Cultura programou para o día 17 unha serie de actos que se desenvolverán na alameda da vila a partir das 12.30 horas. Comezarán cunha actuación a cargo da compañía Kirenia Danza. Seguirá o polifacético Serafín Marcos cun espectáculo sobre a figura de Xela Arias. Finalmente, ás 13.45 horas, farase unha ofrenda floral ante os bustos de Antón Avilés de Taramancos e María Mariño. En Lousame, mañá celebrarán a XIX Festa do Galego na praza consistorial (de 11.30 a 13.30 horas).

Lalín conta tamén cunha extensa programación, que acaba de sufrir algún cambio por mor do mal tempo. O concerto da Banda de Vilatuxe terá lugar o 17 ás 13.00 horas no Lalín Arena, o de Os Porfía tamén se aprazará (era o 17) . O Serán das Letras Galegas será o luns no Salón Teatro, e o espectáculo Pangea será o domingo ás 22.00 no Lalín Arena. Hai tamén unha exposición na biblioteca municipal. Pola súa parte, o Concello de Vila de Cruces fixo entrega aos comercios da vila de bolsas de papel coa imaxe da homenaxada. A idea é que os comerciantes as usen o vindeiro luns, que coincide co día da feira do municipio.

14 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.