Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Mar. Os percebeiros de Muxía dan un paso máis na valorización dos seus prezados crustáceos // Chegarán a mercados e restaurantes da rede de establecementos que os comercializan // Impulsaron unha aplicación de poxa virtual TEXTO J. M. Lavandeira

Cen cofres do TesOuroAtlántico con percebes premium da Barca

A Asociación de Profesionais Percebe da Barca agrupa a preto de 50 percebeiras e percebeiros de Muxía. Desde 2020, concienciados da importancia da posta en valor dun produto tan especial puxéronse a traballar no deseño dunha marca e unha imaxe que fose capaz de reposicionalo, exportando á mente do consumidor todo o sabor do rei dos moluscos da Costa da Morte. Naceu así o concepto OuroAtlántico, a imaxe gráfica do percebe dourado e a denominación PercebeDaBarca. “A nosa vontade é a loita contra o furtivismo e fidelizar ao consumidor a través da garantía do noso produto. Porque non é ouro todo o que reloce nin Percebe de Muxía todo o que se comercializa como tal”, afirman.

Tras unha primeira campaña de imaxe e posicionamento, financiada pola UE, a Xunta, o GALP Costa da Morte e o Concello de Muxía, definiron a nova identidade corporativa e trasladárona con eficiencia ao imaxinario colectivo a través de márketing dixital e redes sociais. Agora tocaba “tanxibilizar o produto e revestilo da elegancia, o luxo e o valor que o noso PercebeDaBarca atesoura”, engaden.

Pensaron que un produto de semellante valor, necesita un envase á altura. “Un rei necesita revestirse de oropeis para infundir realeza”, sinalan, pois a vista é o primeiro dos sentidos que entra en xogo e “non coidar esa primeira ollada dun produto é avocalo á súa vulgarización”. Para evitar caer nese erro presentaron este xoves o CofreDoTesOuro. O seu interior, para preservar a frescura e garantir a cadea de frío, é un corazón de Porex refrixerado con acumuladores frioBox. Pero o seu exterior quere ser un envase transgresor no sector e transmitir o glamour, a elegancia e o valor do percebe da Barca.

Como pistoletazo de saída da campaña ACazaDoTesouroAtlántico, desde o Museo do Pobo Galego, dirixido polo muxián Manuel Vilar, os primeiros cen CofresDoTesOuro sairon cara mercados e restaurantes de toda Galicia. A día de hoxe, máis de cen xa integran a rede de establecementos comercializadores do PercebeDaBarca. A relación pódese consultar na web www.percebedabarca.com.

Desde a asociación agradecen a implicación da Federación de Prazas de Abastos de Galicia e da Asociación de Hostalería de Galicia, así como das súas catro delegacións provinciais para garantir a distribución do OuroAtlántico por toda a comunidade. No acto fixeron entrega á presidenta de Prazas de Galicia e ao presidente de Hostalería de Galicia dos distintivos físicos que recoñecerán aos seus establecementos como distribuidores da marca PercebeDaBarca / OuroAtlántico para que sexan eles quen os repartan entre os seus asociados adheridos á marca.

Dos cen cofres, setenta de medio quilo de percebe de calidade superior e suprema serán distribuídos en peixarías de prazas galegas para ser postos ao dispor do consumidor. Dez deles esconden un PaseDeOuro que premiará á persoa posuidora cunha cea para dúas persoas nun dos restaurantes da rede. Pola súa banda, vinte cofres de un quilo con percebe premium das pedras da Barca irán parar, mediante sistema de poxa, a restaurantes da rede, e dez cofres de medio quilo entregaranse como premio ás dez persoas que completen con éxito o xogo en liña NaProcuraDoTesouroAtlántico ao que se pode acceder desde a pestana Xogo Tesouro da web www.ouroatlántico.com.

Ata o de agora, o modo de operar entre os percebeiros muxiáns e os seus compradores sempre se baseou nun modelo de intercambio netamente tradicional no que a confianza, a proximidade e o teléfono son elementos fundamentais. Agora queren dar un paso máis cara á profesionalización deseñando unha aplicación WebApp á que chamarán PujApp. Trátase dunha extensión Woocomerce para WordPress que permita aos establecementos adheridos á marca poxar de maneira preferente durante 3 horas polas capturas previo paso por lonxa. A aplicación, xa accesible desde a PopUp da pantalla de inicio da web www.ouroatlantico.com, dispón de poxa de saída, de incrementos mínimos por poxa, de intervalos de reserva, de horarios de activación e desactivación e de sistemas de reserva inmediata. Todo un universo de utilidades ao alcance do conxunto de axentes implicados neste negocio.

Ademais, para dar máis empaque a estas campañas, deseñaron o xogo NaProcuraDoTesouroAtlántico. Trátase dunha ferramenta de advergaming geniallystyle composta por dez preguntas formuladas en dez pantallas interactivas que buscan demostrar canto saben os internautas dos produtos do mar, da dieta atlántica e do PercebeDaBarca. As dez primeiras persoas que completen o xogo, cheguen á última pantalla e compártana no seu muro de Facebook ou Instagram, resultarán agraciadas cun dos CofreDoTesouro con medio quilo de PercebeDaBarca de calidade suprema.

08 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.