Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Certificación Emas e tres bandeiras azuis avalan ás praias do litoral carballés

Garanten a calidade das augas e dos servizos aos usuarios // O programa Eu quero Razo-Baldaio reforza os valores do litoral

A Bandeira Azul volve a ondear nas praias carballesas de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que se prestan aos usuarios.

A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén ondea nos areais outra bandeira, a do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implica un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios.

Un ano máis, dende o pasado sábado, esas bandeiras que simbolizan os valores do litoral carballés foron izadas ante a presenza do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto, e unha representación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e da Unidade de Salvamento Acuático, aos que se sumou en Razo o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Co obxectivo de seguir impulsando o aproveitamento sostible na franxa costeira, ao longo do verán tamén se levarán a cabo outras actividades. Despois do obradoiro de restauración da píllara de vimbio de Razo, o sábado arrincou o programa Eu quero Razo-Baldaio cun obradoiro de iniciación á ornitoloxía que resultou un éxito de participación, con corenta persoas inscritas.

A próxima actividade será o mércores, 6 de xullo coa ruta itinerante Segredos culturais da costa carballesa, de carácter interpretativo en bus, pasando polos lugares de interese cultural máis importantes das parroquias de Oza, Razo, Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela.

Desenvolverase de 10.30 a 13.30 horas e está deseñada para que poidan participar persoas de calquera idade (menores acompañados/autorizados). O número de prazas está limitado a 20 e o punto de encontro e o Espazo de natureza de Oza.

A actividade está coordinada pola asociación Senda Nova e para máis información os interesados poden chamar aos números 611 037617, 611 037614 ou contactar a través do correo electrónico sendanova@hotmail.com.

A campaña anual de volei-praia ou a Praia dos Libros, que abrirá as súas portas en breve, son outras propostas para gozar do verán nas praias de Carbalo xunto con deportes como o surf, a pesca deportiva ou o baño.

Excelencia. Hai que subliñar que as cinco zonas de baño que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade.

04 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.