Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Certifican a calidade turística do rural de Terras para atraer visitas

Quince establecementos que recibiron formación co GDR xa contan cos seus certificados Sicted tras a entrega en Castriz

Quince establecementos de hospedaxe e restauración do entorno de Santiago recibiron na fervenza de Castriz, Santa Comba, os diplomas que acreditan a súa formación no Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destino, SICTED, da man do Grupo de deselvovemento rural Terras de Compostela, que se sumou en 2019. Trátase dunha aposta deste GDR por mellorar a experiencia dos visitantes ao territorio.

O acto estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e contou tamén coa presenza da alcaldesa de Santa Comba, María Pose; e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, ademais de rexedores, edís e empresarios.

O SICTED é un sistema impulsado pola Secretaría de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e inclúe a todos os profesionais vencellados ao sector para que, de forma conxunta e homoxénea, traten de aumentar a satisfacción dos viaxeiros nun determinado destino. Guarina Rey, presidenta do GDR Terras de Compostela, lembrou que esta foi a primeira comarca rural da provincia da Coruña e a segunda de Galicia en sumarse ao proxecto.

Pechou o acto de entrega de diplomas a directora de Turismo de Galicia. Nava Castro animou aos profesionais a seguir apostando pola calidade e ir un paso máis alá comprometéndose en traballar por un turismo sostible, “tanto no eido medioambiental, como no social e no económico”. O obxectivo, mantivo, é “ser cada día máis competitivos facendo de Galicia todo un referente en calidade e sostibilidade nun mercado tan globalizado”. Tamén falaron Pardal e Pablo Rodríguez, do Pazo de Cores, que lembrou a creación de emprego que acadan. E Guarina Rey fixo fincapé en que “moitos turistas sorpréndese cos recursos naturais, culturais e patrimoniais que descobren no noso territorio”.

Os establecementos que recibiron os diplomas SICTED son Casa Abelleira e Hotel Payro, de Ames; Apartamentos A Carballeira do Tambre e Pazo de Cores, da Baña; O Balado, de Boqueixón; Hotel Balneario Compostela e Balneario Compostela, de Brión; Casa Barqueiro, de Negreira; Casa do Gabino, Talladas Gastrobar e Hotel Xallas, de Santa Comba; Moradas do Ulla, de Teo; Casa Paramos, de Val do Dubra; e Pazo de Vista Alegre e Pazo Cibrán, de Vedra.

21 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.