Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
FORO. Setenta profesionais pertencentes a dúas xeracións analizaron en Boiro as boas prácticas, logros e perspectivas de futuro nos eidos da creación, produción, programación, distribución, técnica ou a formación no sector TEXTO Suso Souto

Chequeo á xestión cultural en Galicia en clave construtiva

O Pazo de Goiáns (Boiro) acolleu este martes o I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural, que reuniu a máis de 70 expertos do sector pertencentes a dúas xeracións. Produción, creación, programación, distribución, comunicación, técnica, formación e investigación son algúns dos diferentes ámbitos representados nesta xuntanza, que se marcou como obxectivo impulsar as redes de colaboración e celebrar o asociacionismo. Boas prácticas, sustentabilidade e contexto económico foron abordados neste foro organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Boiro.

A celebración e análise dos 14 anos do colectivo centraron a primeira mesa da xornada, da que formaron parte aquelas persoas que presidiron a asociación nalgunha etapa: Pilar López (técnica de Cultura de Foz); Alberto García (técnico de Cultura de Boiro); Xavier Campos (da Deputación da Coruña) e Pilar Portela (coordinadora de Música e Danza de Agadic), así como o actual presidente, Carlos Lorenzo (técnico de Cultura de Carral).

Todos eles reseñaron o logro da entidade ao promover a consciencia como sector e poñer encima da mesa a “precarización” dos profesionais da cultura. Pilar López narrou os precedentes organizativos dos profesionais, nomeadamente ao redor da asociación Landrover, constituída en 1990 e recibida polos medios con titulares como “Os técnicos de Cultura non queren só organizar as festas da vila”. Aquel precedente estivo directamente vinculado á constitución en 2008 da AGPXC.

A segunda mesa versou sobre a situación actual da cultura, da man de Emi Candal, responsable de distribución da cooperativa Urdime, e de Xaquín López, xerente do Auditorio de Galicia, de Santiago. Malia que a análise comezou cunha valoración positiva do ritmo de traballlo neste ano 2022 dentro do sector cultural, tras dous anos de pandemia, os poñentes fixeron unha proxección do futuro próximo non tan optimista.

“Hai que ter en conta que saímos da pandemia, hai remanentes de Tesourería na administración local e estamos no final dun ciclo electoral. Pero isto acontece neste momento. Sabemos que o consumo cultural ten que ver co nivel de estudos e de renda, e neste contexto global económico, a perda de poder adquisitivo vai facer que o sector se resinta máis. Fai falla planificación, como mínimo, a medio prazo”, sinalou López.

Emi Candal, que subliñou que o sector cultural privado está integrado maiormente por persoas autónomas, defendeu as fórmulas colectivas, como cooperativas ou sociedades laborais, para facer fronte ás crises.

Sobre as prácticas responsables e inspiradoras falaron profesionais de diversos perfís: Laura Romero (presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración); Serxio Lago (coordinador do Curso de Experto en Xestión e Innovación Cultural da Universidade de Santiago); Teresa Espejo (técnica do Concello da Guarda); e Xabier Carnota (técnico de ampla traxectoria e promotor da Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo). Tempo e saúde foron dous termos destacados á hora de falar do ritmo de traballo dos profesionais, lastrado polo modelo de produción cultural. “A planificación é a base da práctica responsable”, destacou Teresa Espejo.

As ferramentas lanzadas para o sector nos últimos tempos, como o Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo e o Manual de artes visuais centraron o programa xa pola tarde, con diversos obradoiros prácticos.

delegribeira@elcorreogallego.es

27 sep 2022 / 18:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.