Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 05 diciembre 2022
02:05
h

Ciencia, literatura, música, obradoiros e artesanía no Festiletras da aldea do Couto

Suma xa corenta anos ensalzando a lingua galega // O sábado acolle o Día da provincia

A corenta edición da Festiletras botou a andar este xoves no Couto e ata o domingo, día 4, a aldea pontecesá ofrecerá un programa que inclúe concertos, obradoiros, contacontos, artesanía e tamén talleres científicos e literarios.

Quico Cadaval, Celso Fernández, Guti, Rodrigo Cuevas, Baiuca, Belem Tajes, Oîma, Zënzar, Xabier Díaz e as Adufeiras, Rosalía Fernández Rial, Mutante Creativo, Cestola na Cachola, Juan Rivas, Rosa Aneiros, Miguel Mato, Suso Lista, Alexandre Nerium, Sabela Fernández, Erica Esmorís, Olaia Sendón e Omar Rabuñal son algúns dos artistas, escritores e divulgadores que participarán nesta edición do Festiletras.

Un ano máis, a Deputación da Coruña volve colaborar coa Fundación Pondal na organización do Festiletras, nunha edición, a cuadraxésima, no que a institución terá especial protagonismo, pois contará cunha xornada reservada no programa, a do sábado 3 de setembro, Día da provincia. Nesta ocasión, as áreas de Turismo e de Cultura suman apoios á cita ao achegar dúas subvencións, de 16.000 e 23.000 €, respectivamente.

Con esta segunda axuda, a Deputación financiará o concerto de Baiuca, unha intervención de arte mural de Mutante Creativo e subidas en globo aerostático para todo o público. O seu vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, subliña que “a Deputación, desde sempre, comprendeu a importancia da cita que acolle O Couto”.

O Festiletras, engadiu, “non é só unha das festas das letras senlleiras de Galiza e a que se leva celebrando de xeito ininterrompido desde hai máis tempo, 40 anos xa, senón que forma parte do patrimonio inmaterial do territorio da Costa da Morte e mesmo de todo o país”.

A Deputación levará tamén ao Couto unha caravana informativa “onde se vai a divulgar a importante labor de fomento que facemos tanto no ámbito cultural, como no dos premios literarios, artísticos e musicais que convoca a institución provincial cada ano, ou no dos festivais e outras actividades programadas a través da Rede Cultural”, en palabras de Regueira.

“O público e os visitantesque se acheguen ao Festiletras poderán ademais coñecer os proxectos que estamos a desenvolver desde a área de Turismo no territorio da Costa da Morte e, nomeadamente, en Ponteceso, caso do Plan do Megalitismo”.

ARTESANÍA. Pola súa banda, a Xunta impulsa a divulgación dos oficios artesanais galegos na corenta edición da Mostra de Artesanía do Festiletras 2022. A través da Fundación Artesanía de Galicia, a Administración autonómica promove o sábado e o domingo un obradoiro gratuíto aberto ao público familiar para se iniciar no tecido artesanal de baixo lizo.

Durante o obradoiro Aprendendo a tecer, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo), amosaranlle aos asistentes as técnicas básicas para manexar o tear e outros procedementos artesanais téxtiles fundamentais como o fiado. A Xunta busca “contribuír á posta en valor e á divulgación dos oficios tradicionais, así como transmitir os valores do feito a man, especialmente entre os máis novos”.

02 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.