Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ciencia, literatura, música e humor na Festiletras especial

A aldea do Couto converterase na gran capital da cultura galega entre o 1 e o 5 de setembro

A pequena aldea do Couto, en Ponteceso, converterase en capital da cultura galega con motivo da edición especial da Festiletras, que se celebrará do 1 ao 5 de setembro, que xuntará a destacados persoeiros da ciencia, a literatura, a música, o humor e a artesanía do país.

O investigador Ángel Carracedo será o encargado de abrir, o día 1 ás 11.00 horas, o espazo Lendo a Ciencia, no que participará tamén a escritora ceense María Canosa, que presentará a súa obra H2...Oh!!. Despois, Concha Blanco dará a coñecer a súa Macedonia de versos (12.00), e pola tarde Juan Castro Rivadulla presentará A que cheiran as cores? (16.00) e María Solar Os nenos da variola (17.30 horas). A xornada completarse cos concertos dos Golfiños (12.30), Magín Blanco e A banda das Apertas (14.00) e Mamá Cabra e Bellón Maceiras (16.00).

O xoves, día 2, achegarase a O Couto Rosa Aneiros coa súa obra Xelís , o guieiro das botellas do mar (11.00); Henrique Arguindai e o monologuista Celso Fernández Sanmartín cos seus Contos de animais (16.30); Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán (18.00). Haberá tamén obradoiros con mariscadoras e redeiras e recollida de plásticos.

Sabela Fernández Trelles presentará o venres, día 3, Que queres ser de maior, pequena? (11.00) e Luísa Martínez faró o propio con Puff, vaia peido (16.00). Celebrarase unha feira científica con obradoiros e espectáculos, e Fetén Fetén e Amigos ofrecerán un concerto (18.00).

O sábado, día 4, terá lugar o oitavo Encontro de Aldeas Singulares, a Feira das Cooperativas e o Pasacabanotes. A música poñerana Inllar, a Banda Infantil de Xinzo, Caldo, A Tagea e A Requinta da Laxeira. Pola tarde, Guadi Galego e amigos ofrecerán un concerto musical (18.00).

E o domingo, día 5, a Festiletras acollerá a 39 Feira da Artesanía na que participarán vinte e cinco artesáns de toda Galicia. Os Viqueiras, Faíscas da Pontraga, Os Farrapos e Xa era hora amenizarán a mañá, e Xosé Lois Romero & Alibonia o concerto de peche da edición 2021.

Un ano mais, na Festiletras serán distinguidos tres Bos e Xenerosos. Os elexidos este ano son a zoqueira Elena Ferro, o director artístico de Xacarandaina Quique Peón e o músico e escritor coruñés Xurxo Souto.

ENTRADAS. Durante os cinco días da Festiletras o Colectivo Mutante, Mou e Sokram realizarán unha nova intervención artística na rúa do Campo e na rúa Travesa, do Couto. A maioría das actividades son de entrada libre, agás as actuacións de Carlos Blanco e Xosé Touriñán (día 2), Fetén Fetén e amigos (día 3), Guadi Galego e amigos (día 4) e Xosé Lois Romero & Aliboria e amigos (día 5). Os interesados poden mercar as entradas, que teñen un custe de 8 euros cada unha, a través do portal ataquilla.com.

30 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.