Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cinco refuxiados ucraínos foron acollidos na vivenda dunha familia de Malpica

Os veciños colaboraron no acondicionamento desa casa // O Concello está a traballar para facilitar a súa integración na vila

En Malpica recibiron este venres na casa do concello a dúas familias refuxiadas procedentes de Ucraína. Vivirán nunha vivenda que foi cedida por unha familia da localidade e que foi acondicionada para eles “grazas á xenerosidade de colaboradores altruístas malpicáns, que achegaron melloras na casa en termos de equipamento e tamén aportaron recursos para que comecen unha nova etapa na comarca”, sinalan.

Trátase de dúas familias, procedentes da cidade de Kiev. Unha está formada por unha nai, que chegou acompañada dunha filla e un fillo, e a outra é tamén unha muller que ten unha filla. Os seus maridos e pais seguen na capital ucraína loitando contra a invasión de Rusia.

Os cinco novos veciños foron recibidos na casa consistorial como mostra de acollida de toda a veciñanza local. Desde o Concello aseguran que a totalidade dos departamentos están a traballar para que a integración de todos sexa o mais áxil posible. Neste sento, subliñan que xa comenzaron os trámites para a escolarización dos menores.

“Loxicamente veñen dunha situación complicada na que ademais o idioma é un hándicap, pero sabemos que todo saíra o mellor posible sen perder de vista a situación que están a vivir e o peso que traen con eles. Hoxe o Concello representa a toda a sociedade malpicá disposta a axudar nestes momentos tan complicados”, sinalou o tenente alcalde, Alfredo Cañizo, presente no encontro coas familias, no que tamén participaron o alcalde, Eduardo Parga, e os demais concelleiros do grupo de goberno.

Malpica súmase así a outros concellos da Costa da Morte que, dende o primeiro momento, amosaron a súa solidariedade acollendo a refuxiados ucraínos. O pasado 21 de marzo chegaron a Corme (Ponteceso) doce persoas que foron recollidas en Polonia por membros da Fundación Mencer, que preside o cormelán Ramón Dourado. Trátase de tres unidades familiares que están aloxadas en dúas vivendas, que foron alugadas pola referida entidade, e nunha casa dunha familia de Corme que se brindou para acollelos.

Desde o primeiro momento a veciñanza da vila pontecesana se brindou para colaborar na medida das súas posibilidades e facilitar a súa integración social. O mesmo sucede con outras cinco familias ucraínas que foron acollidos en Camelle (Camariñas) grazas á solidariedade veciñal e a bo traballo da AAVV A Pergoliña que, desde o comezo da guerra, se mobilizou tamén para recoller alimentos e outros materiais para enviar ao pobo de Ucraína.

Asemade, o grupo de negocios BNI Costa da Morte fletou un autobús para que un grupo de xornalistas, coordinado polo corcubionés Fran Hermida, recollese na fronteira con Polonia a 47 refuxiados que fuxiron de Jarkov e Kiev asediados polas bombas. Hoxe están acollidos en diferentes puntos da provincia.

30 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.