Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Clausurouse en Trazo o curso para dinamizar o sector lácteo

Búscase facilitarlles aos participantes as claves para facer unha explotación sustentable e rendible // Xa van seis edicións

Clausurouse este martes en Trazo unha nova edición do Curso Gandeiros 20-30, sobre as competencias empresariais nas explotacións gandeiras, impartido no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, foi o encargado de pechar o curso. Alí puxo en valor este tipo de formación orientada á xestión empresarial “como fórmula para impulsar e potenciar o agro galego”.

Neste senso, Cabarcos indicou que tralo éxito destas accións formativas –xa van seis edicións con esta–, a Consellería do Medio Rural está traballando na súa continuidade con máis cursos en comarcas gandeiras, para así poder facilitarlles aos participantes “as claves para desenvolver unha explotación sustentable e rendible”. Así, destacou a importancia da formación orientada á profesionalización, “para garantir o futuro do sector leiteiro” e sinalou que “a Estratexia do lácteo afonda, precisamente, neste obxectivo, xunto co de procurar rendibilidade para os gandeiros pola súa actividade e o de facilitar a transformación, en Galicia, do leite que se produce na nosa comunidade, entre outras finalidades”.

Ademais, o director da Axencia puxo en valor iniciativas enmarcadas nesta Estratexia como a ferramenta informática Conta Láctea, que lle permite aos gandeiros coñecer e xestionar os seus custos de produción. Tamén destacou o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo.

En parecidos termos, Cabarcos destacou as axudas destinadas ao incremento da competitividade das explotacións galegas e, neste sentido, resaltou os 54,8 millóns reservados nos orzamentos da Consellería do vindeiro ano 2023 para plans de mellora, incorporación de mozos ao agro e creación de pequenas explotacións. “Un orzamento que se suma aos 37,5 millóns de euros da convocatoria deste ano”, lembrou.

Por último, o director da Axencia insistiu tamén na relevancia de dotar de maior base territorial ás explotacións, algo no que incide a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

30 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.