Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 07 febrero 2023
11:44
h
Fíxose unha parada na entrada de cada centro da cooperativa para manifestarse ante dita lacra social // As integrantes da asociación fixeron varias andainas, coas que se sumaron á iniciativa Camiño ao respecto, do Goberno galego TEXTO C. Estévez

CLUN e Mulleres de Seu loitan polo fin da violencia machista

Esta semana Galicia enteira uníase para reivindicarse en contra da violencia de xénero. Os concellos da área compostelá celebraban distintas actividades con motivo da efeméride, lían manifestos nos que pedían a igualdade e manifestaban a súa repulsa ante a violencia cara a muller, e gardaban minutos de silencio polas vítimas desta lacra social. Un ano máis, estas datas serven para reflexionar, sensibilizar e intentar rematar cun importante problema que semella non ter fin.

CLUN (Cooperativa Rural Galega) tamén se uniu ao berro de socorro e manifestouse en contra desta lacra. Como cada ano, dende todas as sedes da cooperativa fíxose unha parada na entrada de cada centro para manifestar o apoio dos seus traballadores e traballadoras á loita contra a problemática social que supón a violencia de xénero.

Así, en cada un dos centros de Clun (Feiraco-Ames, Melisanto-Melide, Os Irmandiños-Ribadeo e Clesa-Caldas de Reis) pararon para dicir “non á violencia de xénero”. Con esta iniciativa, o persoal da cooperativa quere amosar a súa solidariedade coas vítimas e o seu “rexeitamento total a calquera forma de violencia contra a muller”, segundo indicaron dende a citada empresa.

Ademais, as integrantes da Asociación Mulleres de Seu, impulsada por CLUN, uníronse a estes paróns en cada un dos centros e, ao remate, realizaron varias andainas, sumándose á iniciativa denominada Camiño ao respecto que promove a Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco das celebracións
polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

“Gustaríanos non ter que estar nesta tesitura de amosar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres; debería ser algo xa pasado”, manifesta Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa CLUN e presidenta de Mulleres de Seu. Sinala que “no rural sófrese moita violencia de xénero e custa moito visibilizalo; resulta máis complexo detectalo que noutros ámbitos porque carecemos das ferramentas necesarias. Esta situación ocúltase pola propia contorna e tamén por medo ou por vergoña. Por iso pedimos ás administracións e aos organismos competentes que nos axuden. Precisamos servizos de apoio que nos permitan primeiro detectar o problema e logo axuden e acompañen ás vítimas”.

Rodríguez fai referencia á existencia de “diferentes tipos de maltrato, ademais do físico, que á muller rural en particular lle resulta máis difícil de identificar. No noso eido, moi masculinizado, a figura da muller ten que xustificarse para que se lle dea o seu espazo”, dixo ao respecto.

“A sociedade evolucionou e as mulleres somos actores fundamentais do rural; é importante que se nos visibilice”. Nesta liña, a vicepresidenta de Mulleres de Seu pon as esperanzas nas novas xeracións: “As mulleres de máis idade calan, xa o teñen asumido, pero a xente nova que vén porá unha barreira”.

ASOCIACIÓN. Mulleres de Seu é unha asociación impulsada pola cooperativa CLUN para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural. Esta asociación interxeracional de mulleres gandeiras, integrada por preto de 200 socias de CLUN, nace en 2013 e busca en especial promover a participación das mulleres novas.

No marco da mencionada asociación, defenderon o pasado mes á muller rural con motivo do seu día. Insistiron en que deben ter o protagonismo que lles corresponde, na historia, no presente e no futuro.

27 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
25N
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.