Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 20 mayo 2022
10:54
h
O programa Terras da Xente entregou o primeiro premio á Fundación La Grande Obra de Atocha e o segundo á Federación EFA Galicia // Repartiu 23.000 euros orientados a fins sociais, educativos, culturais, ambientais ou deportivos TEXTO Ana Pérez

Cobre San Rafael fai realidade os soños de nove asociacións

Cobre San Rafael, a empresa que promove a reactivación da produción de cobre na canteira activa situada nos municipios de Touro e O Pino, acaba de conceder os premios da primeira edición do programa Terras da Xente, que achegou axudas por un importe total de 23.000 euros a diversas asociacións ou entidades sen ánimo de lucro con fins sociais, educativos, culturais, ambientais ou deportivos na comarca de Arzúa.

Para asegurar unha adecuada repartición destes fondos, e que tiveran un efecto positivo nos diversos ámbitos de actuación, distribuíronse as axudas en varios premios. O primeiro galardón, de 7.000 euros, foi para os nenos da Fundación La Grande Obra de Atocha, para o seu proxecto de arranxar e ampliar a cuberta do patio do colexio arzuán Nuestra Señora del Rosario.

O segundo premio, dotado con 3.000 euros, dedicouse a fomentar o traballo na comarca de Arzúa que encabeza a Federación EFA Galicia, que desenvolve un Servizo de Emprego e Autoemprego de Piñeiral (SEAP), para orientar e acompañar ás persoas do entorno rural na busca e na creación de emprego.

As outras sete propostas gañadoras recibiron unha puntuación que lles outorgou unha axuda de 1.500 euros. Entre os galardoados están o Concurso Hípico de Camiños, a Asociación de Mineiros Touro-O Pino, Tecor Touro 10 111 e a Sociedade de Cazadores A Magdalena.

Os proxectos que levarán a cabo consistirán en promover a hípica entre a xuventude, a limpeza do regato Portapego, a creación de vivares para alimentación do coello de monte e a recuperación do entorno da mina de Touro.

No ámbito do deporte, Cobre San Rafael recompensou con 1.500 € ao C.F. Boimorto para a consolidación do equipo afeccionado do club. Tamén a S.D. Arzúa recibiu financiación para levar a cabo o seu Campus de Fútbol Sala Insua Quintela e a S.D. Touro poderá desenvolver os seus equipos de fútbol base grazas ás axudas de Terras da Xente.

Todas as iniciativas premiadas neste programa desenvólvense entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, e cada entidade puido presentar un único proxecto. Unha vez recollidas todas as solicitudes, Cobre San Rafael procedeu á valoración e adxudicación das axudas. Os proxectos foron valorados por un comité que elixiu os gañadores seguindo os obxectivos descritos nas bases do programa.

Con esta nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado 15 de marzo, a empresa reforza a súa aposta polo benestar social e o desenvolvemento sostible da comunidade. En xeral, o programa pretendeu premiar, patrocinar e colaborar con proxectos de diversa índole que redunden na mellora da calidade de vida dos cidadáns do territorio.

RESPONSABILIDADE REAL. O programa Terras da Xente é a proposta de Responsabilidade Social Corporativa de Cobre San Rafael. Trátase dunha iniciativa de responsabilidade real coa súa contorna máis próxima e que se estende tamén a toda a Comunidade galega. Porque TERRAS é, de feito, o acrónimo de Transparencia, Ética e Responsabilidade Real Ambiental e Social. Este plan de Responsabilidade Social Corporativa mostra un alto compromiso por parte da mencionada empresa co progreso e o futuro das localidades veciñas, entendendo a participación e colaboración na vida social, cultural, patrimonial ou formativa do territorio como unha acción imprescindible na súa filosofía de bo veciño.

Por todo iso, Cobre San Rafael pon en marcha este programa con ánimo de contribuír ao benestar social e ao desenvolvemento social da comarca de Arzúa, na que desenvolve a súa actividade.

MINERÍA RESPONSABLE. Mentras tanto, Cobre San Rafael segue a traballar para levar adiante o seu proxecto mineiro con responsabilidade e actuando sempre según a normativa legal. Cobre San Rafael propón unha operación mineira moderna e sustentable para volver producir cobre na histórica mina ubicada a cabalo dos concellos de Touro e O Pino por un período estimado de quince anos.

O investimento que se vai destinar a este novo proxecto supera os 200 millóns de euros e ten previsto sacar adiante a creación de máis de 400 postos de traballo directos.

Trátase dun proxecto mineiro e de restauración ambiental que está baseado na minería de transferencia, método que permite a restauración e a integración na contorna de ocos mineiros de forma paralela á explotación.

comarcas@elcorreogallego.es

Exemplo a seguir

a estas alturas xa todos sabemos que a idea de reabrir a mina de Touro non gusta a todos. Os ecoloxistas axitaron as súas bandeiras mentras gardaban no seu peto o móbil feito con cobre despois de aparcar o seu coche feito tamén con cobre. Son as cousas da demagoxia. Ningún deles vai estar para aplaudir este proxecto chamado Terras de Xente que impulsa Cobre San Rafael, pero a verdade, aínda que non a queiran ver, é que o ideal sería que existisen máis iniciativas como esta para atender de xeito altruísta fins sociais, educativos, culturais, ambientais ou deportivos na comarca na que se asenta a mina. Din que non hai peor cego que o que non quere ver. Pero ata os máis choscos teñen que recoñecer que, nesto, Cobre San Rafael é un exemplo a seguir.

13 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.